Roteiros da memoria
Antigo Cárcere de Lugo
Distrito Centro. Praza da Constitución, s/n
Aberto en 1887 para substituír o vello edificio da rúa Armañá, funcionou como penitenciaría menor e xulgado do partido xudicial lucense. Aínda que a súa capacidade ás poucas superaba o centenar de presos, tralo golpe de Estado chegará a albergar uns novecentos, chegando a pasar polas súas instalacións, entre 1936 e 1940 máis de cinco mil definidos como políticos. O amoreamento era unha realidade, chegando a haber cincuenta persoas nunha cela de menos de trinta metros cadrados. A esta situación haberíalle que sumar a "dieta da fame", as malas condicións hixiénicas e as enfermidades resultantes. Destacan especialmente os anos 1937 e 1939 como momentos nos que as entradas se incrementaron, primeiro pola caída de Asturias, e segundo pola chegada de presos procedentes doutras zonas do país a fin de redimir penas por traballo nas obras que se realizaron en Lugo. Pecharía en 1981.
Destacamento penal das Minas de Fontao
Santiago de Fontao
O Noroeste peninsular ibérico cobrou, nos anos da Segunda Guerra Mundial, unha gran importancia como zona de extracción de volframio, mineral fundamental para reforzar as aliaxes do aceiro, e, polo tanto, empregado no reforzo da blindaxe das unidades de combate e nas pezas de artillería, así como na fabricación de proxectís. Por esta razón, e aínda que existían antecedentes previos, logo de estourar o conflito, alemáns, británicos e estadounidenses afanáronse por incrementar a adquisición deste mineral. A zona mineira do Fontao era, no referido ao volframio, unha das máis produtivas da área galega, e dende logo, a que máis medios técnicos reuniu e máis beneficio reportou durante o período bélico. Ata 1941, a maior parte da produción foi vendida a alemáns e italianos, e foi ao longo deste ano cando o groso dela acabaría pasando a mans inglesas. O problema da falta de man de obra cualificada ante o progresivo aumento da demanda, levou a que as empresas explotadoras e o sistema penitenciario franquista chegasen ao acordo de crear destacamentos penais, maioritariamente conformados por presos políticos, cos que redimir as penas por traballo, comezando Fontao a facelo en maio de 1940. Con todo, destacamentos penais como este, xunto con outros coma o de Casaio (Carballeda de Valdeorras, Ourense), tamén foron núcleos nos que o trato de presos en condición de semiliberdade con outros traballadores libres, se comecen a poñer en marcha organizacións políticas que permitan o rexurdimento da loita antifranquista, cando non centros de apoio e promoción da actividade guerrilleira.
Prisión municipal nos Baixos do Pazo de Raxoi, A Falcona
Rúa da Trindade, 11A, 15705 Santiago de Compostela, A Coruña, España
Nos baixos do Pazo de Raxoi, habilitouse un espazo de reclusión no verán de 1936, coñecido como A Falcona. Por celebrárense na cidade consellos de guerra, albergou condenados a morte en cifras elevadas, localizados nunha cela especial coñecida como "El Saladero", que, polas necesidades de espazo, tamén frecuentaba acoller as mulleres que ingresaban no centro. Foi o lugar de encarceramento de figuras como o intelectual Camilo Díaz Baliño ou o político republicano e alcalde de Santiago, Ánxel Casal Gosenxe. Estes dous últimos son exemplo de presos que foron sacados do lugar para a súa execución.
Destacamento penal de Minas de Casaio
Santa María de Casaio
O Noroeste peninsular ibérico cobrou, nos anos da Segunda Guerra Mundial, unha gran importancia como zona de extracción de volframio, mineral fundamental para reforzar as aliaxes do aceiro, e, polo tanto, empregado no reforzo da blindaxe das unidades de combate e nas pezas de artillería, así como na fabricación de proxectís. Por esta razón, e aínda que existían antecedentes previos, logo de estourar o conflito, alemáns, británicos e estadounidenses afanáronse por incrementar a adquisición deste mineral. En Casaio conformouse un grupo que chegaría a contar con algo máis de tres centos cincuenta presos que se incorporou á mina de volframio localizada na Serra do Eixe e explotada por Montes de Galicia S.A., con conexións coa Alemaña Nazi, dende setembro de 1942. Rexístranse casos de oposición entre os reclusos, de baixa escala. O destacamento penal desaparecería en 1944.
Campo de concentración de Santa María de Oia
Santa María de Oia. Rúa do Párroco Don Claudino Rodal Fandiño, 5
Campo intermitente e estable localizado no Mosteiro de Santa María. As súas orixes localízanse en decembro de 1937, chegando a prolongarse a súa vida até maio de 1939. Chegou a ter uns 3000 prisioneiros.
Colonia penitenciaria da Illa de San Simón
Illa de San Simón
A illa de San Simón, conformada realmente por dúas illas –San Simón e San Antonio– unidas por unha ponte, foi durante o século XIX lugar de retención dos enfermos procedentes das colonias de ultramar ata que aqueles superasen a enfermidade. Reconvertido en centro de reclusión por orde de Severiano Martínez Anido e inaugurado o 1 de outubro de 1936, acollería presos ata 1943, cando foi clausurado. Durante este tempo, calcúlase que chegou a albergar un total de seis mil persoas contrarias ao réxime ditatorial, procedentes das zonas próximas como Vigo ou Pontevedra, pero tamén de Asturias ou País Vasco. Ás pésimas condicións de vida que soportaron, hai que engadirlle as frecuentes sacas, previas ás execucións no continente.
Prisión no Mosteiro de San Salvador de Celanova
San Rosendo de Celanova
O antigo mosteiro rehabilitouse dende agosto de 1936 parcialmente para servir como cárcere subsidiaria da provincial de Ourense, que se atopaba saturada. En maio de 1938, transformouse en prisión central, procedendo a ocupar todos o espazo dispoñible, en boa medida pola chegada masiva de numerosos presos procedentes da fronte norte. Aínda que o volume da poboación reclusa foi variando durante o período que o centro estivo aberto, aquel estivo, polo xeral, por enriba do millar de individuos, sendo estes, na súa maioría, asturianos. Ao seu peche, en setembro de 1943, os presos foron redistribuídos entre as prisións de Ourense, Santiago, Burgos e Xixón.
Antiga prisión provincial da Coruña
Monte Alto. Paseo Marítimo Alcalde Francisco Vázquez, 43
Dende o golpe de estado de 1936 e ata a chegada da democracia, o cárcere provincial da Coruña foi, como outros, lugar de reclusión e axustizamento de numerosos presos políticos.
Campo de concentración de Camposancos
Santa Isabel de Camposancos. Lugar da Pasaxe
En Camposancos, habilitaríase dende xullo de 1936 un campo de reclusión localizado no Convento e Colexio dos Xesuítas do lugar, e do que existen rexistros ata novembro de 1939. Cunha capacidade para 868 residentes, superou amplamente os dous millares. No cemiterio da mesma parroquia, documéntase o enterramento de prisioneiros falecidos no campo, ademais doutros executados.
A memoria do cárcere
- Antigo Cárcere de Lugo
- Destacamento penal das Minas de Fontao
- Prisión municipal nos Baixos do Pazo de Raxoi, A Falcona
- Destacamento penal de Minas de Casaio
- Campo de concentración de Santa María de Oia
- Colonia penitenciaria da Illa de San Simón
- Prisión no Mosteiro de San Salvador de Celanova
- Antiga prisión provincial da Coruña
- Campo de concentración de Camposancos
Abordaxe e fuxida do boniteiro Santa Teresa
San Estevo do Vicedo
O 12 de decembro de 1946, dezanove guerrilleiros e dúas mulleres vinculados coa III Agrupación do Ejército Guerrillero de Galicia abordan o boniteiro nunha praia do Vicedo o 12 de decembro de 1946, logrando chegar a Bayonne.
Fuxida do bou Ramón
San Xosé de Ares. Porto de Ares
Vinte e sete asaltantes vinculados co anarquismo e o socialismo de Ferrol, Mugardos, Narón e Ares puxeron rumbo ao porto francés de La Pallice a mediados de xullo de 1939. Entre outros, estaban os alcaldes de Ferrol e Ares. Todos eles foron trasladados ao campo de concentración de Barcarès, e logo, ao de Argelès. Ata vinte e tres mulleres víronse implicadas na causa incoada para aclarar a fuxida deste bou, sendo oito delas procesadas, e finalmente, dúas condenadas a prisión de dous anos e un día.
Fuxidas dende o porto de Malpica
San Xulián de Malpica de Bergantiños. Porto de Malpica
O porto de Malpica foi lugar de fuxidas marítimas durante a Guerra Civil con gran protagonismo da CNT e a IR da vila. Primeiro, a finais de xullo de 1937, produciuse a fuxida de once persoas, en dirección Douarnenez, por medio da sardiñeira Ciudad de Montevideo. Ao ano seguinte, tiveron lugar dous novos episodios: en agosto, aproveitando as festas da vila, vinte e seis homes emprenderon a fuxida na sardiñeira San Adrián, que os levou ata a Audierne, para logo pasaren a territorio republicano. En setembro, embarcaron na sardiñeira Rocío, con destino Brest.
Fuxida do bou Eva
Vigo Centro. Porto do Berbés
O 23 de abril de 1937, un grupo formado por José Losada Castelao e Manuel Rodríguez Castelao (ambos curmáns de Alfonso D. Rodríguez Castelao), Manuel Martíñez Moroño, José Rodríguez Lorenzo, Fernando Rodríguez Lorenzo, Luis Álvarez González, Camilo Campos Méndez, Carmen Miguel Agra e Anxo Nogueira Nogueira, intenta fuxir a Francia dende o porto do Berbés, a bordo do bou Eva. Sendo delatados, un grupo de falanxistas acudiu ao lugar naquel momento, procedendo a afundir o barco para forzalos a saír. Secasí, a tripulación non o fixo, optando polo suicidio.
Fuxida no Portiño
San Pedro de Visma. Lugar do Portiño
Dende finais de febreiro de 1937, comezouse a preparar un dos intentos de fuxida máis sonados da área coruñesa. Na mañá do día 3 de marzo, os libertarios vilagarciáns Luis Costa García e José Rodríguez Arias, xunto con outro compañeiro, de nome Ignacio, entraron en dous bous, as parellas dos "Miguelín", fondeadas no porto da Coruña coa intención de, coa colaboración da tripulación, facerse co seu control unha vez estivesen en mar aberto. Deste xeito, haberían de achegarse ao Portiño –unha enseada próxima á cidade coruñesa pero relativamente afastada de núcleos de poboación– para recoller o continxente de persoas que alí agardaría durante a noite, entre oitenta e algo máis dun cento, segundo as fontes consultadas. Secasí, o plan de fuxida quedou frustrado ao verse alertada a Garda Civil sobre o mesmo. Os escondidos nos barcos tiveron que escapar rapidamente do porto. Mentres, no Portiño, o continxente que alí agardaba foi sorprendido pola batería do Monte de San Pedro, que irrompeu no lugar berrando "¡Viva España!", "¡Arriba España!" e "¡Manos Arriba!". Algúns conseguiron saír a mar aberto coas bucetas que tiñan preparadas para trasladarse aos barcos asaltados; houbo tamén quen decidiu botarse ao mar e nadar. Aínda que non é posible precisar o número exacto de falecidos por afogamento ou polos disparos da Garda Civil, documéntanse, polo menos, tres. Por outro lado, durante aquela noite serían detidas vinte e sete persoas, e unha máis adiante, xulgadas posteriormente por rebelión militar e das que dezaseis foron condenadas a morte, dez a cadea perpetua, e dúas a quince anos de prisión. As execucións tiveron lugar o 9 de xullo e o 9 de outubro de 1937.
Fuxida do buque Arkale
San Bartolomeu de Cariño. Porto de Cariño
Na noite do 23 de xullo de 1936, saíu de Cariño coas luces apagadas, deixando en terra á tripulación (agás dous mecánicos) e chegou a Saint Nazaire dous días despois con trinta e oito fuxidos. O suceso foi protagonizado por persoas do Sindicato da Industria Pesqueira e IR de Cariño, o PSOE de Ferrol, a CNT de Viveiro, a CNT do Barqueiro e a CNT de Xixón.
Fuxidas dende o Porto de Muros
San Pedro de Muros. Porto de Muros
O Porto de Muros foi escenario de varios episodios de fuxida durante a Guerra Civil. Primeiro, o 26 de xullo de 1936, os bous Santa Eulalia e Santa Rosa puxeron rumbo a Bilbao con corenta e sete fuxidos, entre eles, os alcaldes de Muros e Noia. Os protagonistas eran de tódalas tendencias políticas e sindicais da bisbarra Noia-Muros-Santiago. A segunda produciríase en 1938, co bou Melenchu: aproveitando unha recalada en Muros, esta nave coruñesa fuxiu en xaneiro até o porto de Bordeaux, con quince tripulantes. Os protagonistas estaban vinculados co SIP e a CNT da Coruña.
A memoria da fuxida
Foxas no cemiterio de Paramos
Santa María de Paramos
A comezos de marzo de 1949, cinco guerrilleiros ocultos na parroquia de Zas, concello de Negreira (José María Castelo Mosquera, Vicente Peña Tarrasa, Manuel Pena Camino, Manuel Ramiro Souto e Carmen Temprano Saloiro) foron descubertos pola Garda Civil, que rodearon a casa na que se refuxiaban. O grupo conseguiu fuxir, aínda que a muller que os acompañaba, propietaria da vivenda, foi ferida e rematada por Castelo. O grupo desprazouse ao norte da provincia na compaña de Manuela Teiga, veciña de Zas e fuxida por temor a represalias por prestarlles axuda aos guerrilleiros. Con todo, volverían ser descubertos nos montes de Paramos, e un novo tiroteo acabaría coas vidas de Castelo, Peña, Pena Camino e Teiga. Os catro cadáveres foron enterrados no adro do cemiterio de Paramos. Canto a Manuel Ramiro, que conseguira fuxir, foi descuberto e executado en 1952 en Visantoña, concello de Mesía.
Execucións no Campo de Aragón do Cuartel de San Francisco e no Cemiterio Municipal de San Francisco
Rúa a Granxa, 1, 32005 Ourense, España
Trátanse de dous lugares fundamentais da violencia golpista na cidade de Ourense. Por un lado, no Campo de Aragón do Cuartel de San Francisco, documéntanse cento dezanove executados por autoridade militar. Por outro lado, no camposanto, serían algo máis de douscentos os fusilamentos tras sentenza de consello de guerra; agás no caso daqueles cuxas familias puideron recuperar os restos, a maioría acabaron mesturados no osario do cemiterio.
Foxas no Cemiterio Municipal de Pereiró
Santa María de Castrelos. Avenida de Castrelos, 214
O cemiterio municipal de Pereiró foi un lugar de execución e de enterramento dende o golpe de Estado de 1936, destacando as que se produciron o 27 de agosto de 1936, logo de concluír un proceso xudicial sumarísimo e cheo de irregularidades, mostra expresiva da particular xustiza imposta polos sublevados nas zonas que ían caendo baixo o seu control: Antonio Bilbatúa Zubeldía (político socialista), Apolinar Torres López (mestre, pedagogo e sindicalista), Emilio Martínez Garrido (alcalde de Vigo e industrial), Heraclio Botana (político socialista), Ignacio Seoane Fernández (sindicalista e político socialista), José Antela Conde (alcalde de Lavadores), Ramón González Brunet (sindicalista e político socialista), Ubaldo “Waldo” Gil Santóstegui (médico e político socialista). O total de corpos localizados no camposanto chegaría á trintena.
Execucións na área Punta Herminia – Campo da Rata
A Torre. Paseo dos Menhires
A área Punta Herminia - Campo da Rata, no entorno na Torre de Hércules, constitúe un dos puntos de maior número de fusilados de toda Galicia -documéntanse ata sesenta e catro vítimas- durante a Guerra Civil, especialmente por ser anexa ás instalacións do Cárcere Provincial coruñés.
Encarceramentos, execucións e foxas no Castelo de San Felipe
Castelo de San Felipe, Ferrol, La Coruña, España
O ferrolán Castelo de San Felipe foi empregado, logo do golpe de Estado, en 1936, como lugar de retención e fusilamento de persoas como Rogelio Caridad Pita, gobernador militar da Coruña e fiel ao goberno lexítimo tralo golpe, ou Enrique Salcedo Molinuevo, xefe da VIII Rexión Militar e, do mesmo xeito, leal ao goberno da República. Tamén se documenta un enterramento de doce cadáveres.
Execucións no Acebo, en San Bartolo de Monteseiro
42XM+7M O Acevo, Grandas de Salime, España
No Acebo (nalgunhas fontes tamén O Acevo) foron executados, en outubro de 1937, un nutrido grupo de combatentes do Batallón Galicia, que, volvendo a Galicia coa intención de exiliarse en América trala caída da Fronte Norte, foron sorprendidos pola Guardia Civil e Falange. Os seus nomes: José Moreno Torres (destacado líder do anarquismo coruñés), José Balado Gil, Manuel Bugallo Lois, Albino Domínguez Márquez, Enrique García Lago, Jaime Machicado Lorente, Jesús Martínez Castro, Maximino Martínez Hernández, Odilo Masid Masid, Emilio Novas Naya, Manuel Ramos Escariz, Manuel Rivas Rey e Luis Rafael Villar Sánchez. Os seus restos descansan no cemiterio da Fonsagrada.
Foxa no Cemiterio de Tenorio
San Pedro de Tenorio
Neste lugar estaba localizada a foxa na que foron enterrados once homes asasinados en novembro de 1936: seis veciños de Lalín e outros cinco de Arbo, republicanos presos na illa de San Simón executados tras saír daquela coa escusa de que serían trasladados á prisión de Ponte Caldelas. A ampliación do cemiterio, décadas despois, fixo que os restos fosen depositados nun osario e imposibilitou a súa identificación.
Foxas no Cemiterio antigo de Santa Mariña de Xinzo
Santa Mariña de Xinzo
Nun espazo ao lado do adro da igrexa parroquial foron enterrados os restos de dezasete vítimas executadas en abril de 1937 no Pinar de Foxo, a tres quilómetros de Xinzo.
Execucións na Ponte do Barqueiro
Santa María de Mogor (Mañón) e San Estevo do Vicedo (O Vicedo)
Logo do golpe de Estado de 1936, esta ponte converteuse no lugar elixido para executar a distintas persoas que posteriormente serían guindadas ao río Sor.
Foxas no Cemiterio de Mondoñedo
Nosa Señora do Carme de Mondoñedo. Rúa Julia Pardo Montenegro, 23
En setembro de 1936, foron sacadas cinco persoas do cárcere de Ribadeo, e levadas Ás Voltas de Prado, lugar preto de Mondoñedo no que serían asasinados. Alí foron atopados polos veciños á mañá seguinte. Foron enterrados no cemiterio de Mondoñedo en cinco foxas individuais.
Foxas no Cemiterio de Vilarraso
San Lourenzo de Vilarraso
Podería tratarse dun dos maiores lugares de enterramento das vítimas da violencia golpista en Galicia, cun marco cronolóxico comprendido entre 1936 e 1938. As investigacións indican que polo menos serían unhas 35 persoas, entre as que se atoparían Mercedes Romero Abella (profesora coruñesa), Florentino Rodríguez Palacios (alcalde socialista de Aller, Asturias) ou Cesáreo Méndez Vázquez (cenetista da Coruña). Algúns dos corpos enterrados en Vilarraso terían aparecido no entorno do río Mandeo, logo de ser guindados dende a Ponte da Castellana, no mesmo concello.
A memoria da morte
- Foxas no cemiterio de Paramos
- Execucións no Campo de Aragón do Cuartel de San Francisco e no Cemiterio Municipal de San Francisco
- Foxas no Cemiterio Municipal de Pereiró
- Execucións na área Punta Herminia - Campo da Rata
- Encarceramentos, execucións e foxas no Castelo de San Felipe
- Execucións no Acebo, en San Bartolo de Monteseiro
- Foxa no Cemiterio de Tenorio
- Foxas no Cemiterio antigo de Santa Mariña de Xinzo
- Execucións na Ponte do Barqueiro
- Foxas no Cemiterio de Mondoñedo
- Foxas no Cemiterio de Vilarraso
Intento de sublevación no Cuartel do Rexemento de Infantería número 29 da Coruña
A Maestranza. Praza do Xeneral Millán Astray, 14.
A mediados de outubro de 1936, produciuse un intento de sublevación no Cuartel do Rexemento de Infantería número 29 da Coruña, sendo os implicados fusilados ante dous mil soldados que se dispoñían a marcha á fronte. Poida que este movemento, que revela a heteroxeneidade dun estamento militar que en absoluto estaba por completo aliñado co golpe, tivera ramificacións en Lugo e Ferrol, onde en agosto de 1936 tamén houbera un intento de levantamento entre a infantería. Episodio similar ocorreu no ferrolán Castelo de San Felipe. En decembro de 1938, produciuse un novo intento de insubordinación de soldados de infantería, esta vez en Ourense.
Áreas de Cabral, Lavadores, Bembrive e Val Miñor
Santa Mariña do Cabral, Santa Cristina de Lavadores, Santiago de Bembrive e Val Miñor
En agosto de 1936, prodúcese a primeira acumulación de fuxidos nas áreas de Cabral, Lavadores, Bembrive e Val Miñor, centros de actividade de figuras da guerrilla relevantes, como os irmáns García Morales (Os Maletas), José Romero González (O Merrello), Roberto Oya Alonso (O Cachopas) e Manuel Prado Pereira (Lolito), respectivamente.
Execución de O Piloto no entorno do encoro de Belesar
San Fiz de Asma
O guerrilleiro José Castro Veiga "O Piloto", o derradeiro na loita guerrilleira antifranquista, foi executado pola Garda Civil nas inmediacións do encoro de Belesar, o 10 de marzo de 1965.
Execucións en San Estevo de Abellá
Santo Estevo de Abellá. Lugar de O Fontao
Morte dos guerrilleiros Manuel Ponte Pedreira, Manuel Rodríguez Suárez e Manuel Díaz Pan, membros do destacamento Manuel del Río Botana da IV Agrupación Guerrillera, en maio de 1947, tras ser cercados pola Garda Civil.
Foxas no Cemiterio de Teilán
Santa Baia de Teilán. Lugar de Souto
En xuño de 1949, apareceron dous homes mortos logo de que os veciños de Teilán escoitaran un forte tiroteo nos montes próximos: Manuel Fernández Soto, alcumado o Coronel Benito, e Bernardo Álvarez Trabajo, alcumado Gasta. O primeiro era o máximo responsábel, dende marzo de 1949, do Ejército Guerrillero de Galicia, ademais de secretario do PCE da área. Un mes despois, aparecerían os restos dun terceiro, Elías López Armesto, outro guerrilleiro malferido que lograra escapar pero que tamén falecera. O responsábel, o infiltrado Francisco Cano Román, o Comandante Félix.
Detención do Foucellas en Rodeiro
Lugar Rodeiro, 9, 15386 Rodeiro, A Coruña, España
O 9 de marzo de 1952, Benigno Andrade García "Foucellas", foi detido na base en Rodeiro, daquela Concello de Oza dos Ríos, e actualmente, Concello de Oza-Cesures. Finalizaba así a súa actividade guerrilleira, que se iniciara trala súa fuxida ao monte logo do golpe de Estado de 1936. Condenado a morte por consello de guerra en xuño de 1952, sería executado por medio do garrote vil a comezos de agosto.
Refuxio no Balneario
San Estevo de Sandiás. Lugar de Coalloso
Lugar de refuxio e reunión da guerrilla, polo menos desde 1939. Neste refuxio estivo agochada ata o seu desmantelamento, no ano 1946, Carmen Fernández Seguín, militante do PCE dende o 1932 e guerrilleira da chaira. Durante o seu tempo de estancia no Balneario, traballou en labores como a elaboración e modificación de armas para a guerrilla. Os seus fillos actuaron como enlace, e no 1947 pasaron á guerrilla do monte. Carmen foi apresada en Ávila no 1950 portando armas para a guerrilla.
A Fortaleza
San Miguel de Santigoso. Lugar de Soulecín
Tratábase da casa dos Rodríguez López, que ficaron no punto de mira dos sublevados tras o golpe de Estado por motivos ideolóxicos e foron executados o 1 de outubro de 1939. Algúns dos irmáns varóns mobilizáronse coa guerrilla, outros foron apresados, e os pais resultaron fusilados. A casa converteuse nun punto de apoio moi importante para a guerrilla entre 1939 e 1946, chegando a pasar por alí a maioría das/os membros da Federación de Guerrillas de León-Galicia. Dúas irmás traballaron como axentes do servizo de información republicano da Federación, pasando varias veces pola cadea e uníndose despois ás filas da guerrilla. Consuelo Rodríguez López (Chelo), foi a única supervivente dos nove membros da familia; tras saír da actividade guerrilleira, viviu na clandestinidade en Madrid, e no exilio en Francia despois. Esta área do sueste galego destaca pola súa intenta actividade guerrilleira, funcionando unha serie de campamentos que, baixo a denominación de Cidade da Selva, serían postos en marcha nos montes de Casaio pola Federación de Guerrillas de León-Galicia, dende 1942 ata 1946, cando a Garda Civil neutralizou a maior parte dos seus efectivos.
A memoria das armas
- Intento de sublevación no Cuartel do Rexemento de Infantería número 29 da Coruña
- Áreas de Cabral, Lavadores, Bembrive e Val Miñor
- Execución de O Piloto no entorno do encoro de Belesar
- Execucións en San Estevo de Abellá
- Foxas no Cemiterio de Teilán
- Detención do Foucellas en Rodeiro
- Refuxio no Balneario
- A Fortaleza
Espazo de sociabilidade do colectivo LGTBIQ+ no Pub Tarasca
Rúa de Entremuros, 13, 15704 Santiago de Compostela, A Coruña, España
O emblemático Pub Tarasca foi un dos primeiros locais da cidade onde as mulleres lesbianas se reuniron abertamente en contextos de festa e ocio, tal e como consta no estudo de Mariam Mariño sobre referentes urbanos e construción de redes de relación interpersoais de lesbianas en Compostela. Como é obvio, non foi o único lugar de encontro do colectivo LGTBI+ en Galicia. O silencio e a represión das orientacións sexuais non normativas durante os anos da ditadura levou ó agromar de toda unha serie de espazos que cumprían dita función. Da súa existencia queda evidencia a través da memoria oral, fonte que se reforza cos expedientes de diferentes casos de detencións e xuízos, especialmente a homes homosexuais. Así, podemos destacar como exemplos as inmediacións da Torre de Hércules, na cidade da Coruña, e os Xardíns de Montero Ríos e a zona portuaria, en Vigo.
Sabotaxe nos Cines do Salón Teatro e Sala Iago
Rúa Nova, 34 Rúa do Vilar, 51-53-55
En 1978, co gallo do Oito de Marzo, algunhas feministas compostelás organizáronse para facer sabotaxe a dous filmes eróticos proxectados nos Cines do Salón Teatro e na Sala Iago: “Emmanuelle” e “Historia de O”, ambas do director francés Just Jaeckin. Os carteis de ambos foron cubertos con pancartas con inscricións en protesta pola cousificación dos corpos femininos.
IV Encontro Estatal das Fronte de Liberación Homosexual
Vigo Centro. Rúa Hernán Cortés, 8
En outubro de 1978, celebráronse en Vigo os encontros da Coordinadora de Federación de Frentes de Liberación Homosexual del Estado Español (COFLHEE), nos que se decidiu rexeitar o proxecto de Constitución por non contemplar o dereito á libre orientación sexual do individuo, así como aprobar unha serie de puntos que incluían esixir a amnistía de tódolos presos por razón de aplicación de lexislación represiva por cuestións sexuais, a derrogación da lei de Perigosidade Social ou a obrigación de impartir unha educación sexual adecuada. Malia que este é un dos fitos máis recoñecibles, xa con anterioridade existe constancia dunha Fronte pola Liberación Homosexual Galega (FLHG), constituída á altura de 1977 en diferentes cidades de Galicia, como Vigo, A Coruña ou Compostela, neste caso xa un ano antes. Na cidade de Vigo, a Fronte pola Liberación Homosexual Galega debeu contar con espazos de reunión habituais, pois no comunicado publicado o 20 de outubro de 1978 en El Pueblo Gallego, fan constar o seu apartado de correos nesa mesma cidade para toda persoa que quixese poñerse en contacto coa asociación.
Coloquio Rexional das Parroquias no Mosteiro de San Xoán de Poio
San Xoán de Poio. Rúa do Convento, s/n.
A finais de xaneiro de 1976, celebrouse no Mosteiro de San Xoán de Poio o “Coloquio Rexional das Parroquias”, organizado pola diocese de Ourense. O tema do encontro foi "a muller galega", asistindo máis de duascentas persoas, e no que participou Engracia Vidal, monxa de Ferrol comprometida co feminismo e impulsora da revista Encrucillada. Destacan tamén outros nomes coma o da xurista Elvira Landín ou a avogada Mercedes Suárez Díaz. Con este evento, deixábase ver a tímida reclamación de dereitos para a muller dende a cristiandade de esquerdas.
Primeira celebración do Oito de Marzo a nivel galego no Palco da Alameda de Santiago de Compostela
Paseo Central da Alameda
O 8 de Marzo de 1977, a AGM (Asociación Galega da Muller) xunto coa AUPEPM (Asociación Universitaria para o Estudo da Problemática da Muller), organizou o primeiro Oito de Marzo a nivel galego. En Compostela estaba previsto un mitin de María Xosé Queizán na Praza do Toural que foi impedido pola policía. Trasladouse o acto á Alameda, onde Queizán falou dende o palco, aínda que pouco despois foron os congregados foron disolvidas. Tamén noutras cidades de Galicia se produciron incidentes, como a prohibición dunha mesa redonda do Movemento Democrático da Muller (MDM) en Vigo.
Conflitividade laboral en Manufacturas San Remo
C-641, 97, 27800 Villalba, Lugo, España
Nos últimos meses de 1977, as traballadoras da empresa manufactureira téxtil San Remo de Vilalba, protagonizaron unha das primeiras folgas da vila chairega, para denunciar unha serie de irregularidades laborais que viñeran sufrindo ata o de entón, coma os salarios por debaixo do convenio, o feito de non estar aseguradas ou constar como aprendices a pesar de levar varios anos traballando na fábrica téxtil. A ameaza dun peche de seis meses por parte da patronal animaría mobilizacións.
Fundación do Movemento Democrático das Mulleres de Ourense na Casa de Isabel Bustos
Ourense Centro. Edificio A Torre, Rúa de Curros Enríquez, 1
O Movemento Democrático de Mulleres (MDM) foi a primeira organización feminista con poder de convocatoria en Ourense. As súas primeiras xuntanzas realizáronse na casa particular de Isabel Bustos, no edificio A Torre, onde se chegaron a atopar un grupo dunhas vinte a vinte e cinco mulleres.
Edición clandestina de “Alborada”
Vigo Centro. Alianza Francesa de Vigo, Rúa da República Arxentina, 22
No ano 1966 editouse e distribuíuse en Vigo o primeiro número da revista "Alborada", pioneira da prensa clandestina feminista galega, vinculada co Movemento Democrático de Mulleres (agrupación vencellada ó Partido Comunista). Tralo proxecto destaca a figura de Palmyre Ros, comunista francesa que chega a Vigo no 1963. Ros foi detida no 1966 na Alianza Francesa, onde impartía aulas, acusada de propaganda ilegal, motivo polo que, quizais, malia terse editado un segundo número, este nunca chegou a distribuírse. Catro anos despois, o boletín atopa continuidade na clandestinidade coruñesa, onde se editou ata o 1972, centrando as súas páxinas en información sindical xeral, con atención particular ós feitos de Ferrol de 1972, os dereitos das traballadoras e as reivindicacións das mulleres en cuestións como a sanidade, a planificación familiar, os labores domésticos ou o acceso ó mundo laboral. Paralelamente, o Movemento Democrático de Mulleres de Vigo, edita entre o 1971 e o 1976 a revista "A Muller e a Loita", voceiro da organización, para o cal toma a cabeceira da antiga "Alborada".
Execución de María Vázquez
Santa María de Centroña. Praia de Centroña
O 19 de agosto de 1936 fusilaron na praia de Centroña a María Vázquez Suárez, profesora en Miño. María fora acusada de propagar o amor libre e de enterrar a súa nai cunha cerimonia laica.
A memoria das mulleres e do colectivo LGTBIQ+
- Espazo de sociabilidade do colectivo LGTBIQ+ no Pub Tarasca
- Sabotaxe nos Cines do Salón Teatro e Sala Iago
- IV Encontro Estatal das Fronte de Liberación Homosexual
- Coloquio Rexional das Parroquias no Mosteiro de San Xoán de Poio
- Primeira celebración do Oito de Marzo a nivel galego no Palco da Alameda de Santiago de Compostela
- Conflitividade laboral en Manufacturas San Remo
- Fundación do Movemento Democrático das Mulleres de Ourense na Casa de Isabel Bustos
- Edición clandestina de "Alborada"
- Execución de María Vázquez
Mobilización veciñal na Praza de Armas
Magdalena. Praza de Armas
Unhas dúas mil persoas concentráronse na Praza de Armas de Ferrol o día 13 de setembro de 1977, convocadas polas asociacións veciñais da cidade para manifestar a súa oposición á venda de bens públicos municipais como solución para a situación de crise financeira que sufría o concello. Tamén se emitiron outras reclamacións, como a inmediata legalización das asociacións veciñais, aínda en situación irregular. Rematouse cantando o Himno Galego. Esta praza tamén fora, un ano antes, lugar de concentración dos veciños de Ferrol: uns catro mil reuníranse neste lugar para protestar polas deficiencias do servizo de augas dalgúns barrios da cidade (Canido, Caranza, Inferniño, Ensanche, San Juan-Bertón e Santa Cecilia). Do mesmo xeito, tamén se denunciaría o non recoñecemento legal das asociación veciñais. Neste acto, a Asociación de Galega de Mulleres tamén estivo representada entre as manifestantes.
Asasinato de Moncho Reboiras pola policía política
Canido. Rúa da Terra, 27
Xosé Ramón Reboiras Noia, sindicalista, político da Unión do Povo Galego e opositor á ditadura, é unha das figuras sociopolíticas máis relevantes da loita antifranquista en Galicia da primeira metade da década dos setenta. Natural do concello de Dodro e logo trasladado coa súa familia ao barrio vigués de Teis, o seu compromiso político xermolou durante a adolescencia, primeiro, a partir do Castro, un grupo cultural impulsado polo padre xesuíta Xaime Seixas Subirá, comprometido co nacionalismo galego; para logo pasar a unha maior maduración xa inseparable do antifranquismo a través da Asociación Cultural de Vigo, con figuras como Camilo Nogueira e José Luis Méndez Ferrín. Afiliado á UPG en 1969, durante os seus anos universitarios na Escola Técnica de Enxeñaría Industrial de Vigo, combinou as obrigas académicas coa militancia, converténdose nun dos líderes fundamentais da organización, favorecendo a captación de cadros obreiros e as relacións con outros grupos disidentes. Logo de finalizar os seus estudos, entra a traballar, por medio dunha bolsa, na viguesa Hijos de J. Barreras S.A., tendo rol destacado na actividade folguista viguesa de 1972. Perdida a bolsa por esta razón, trasladaríase a Ferrol, e máis adiante, á Coruña, onde entre 1973 e 1974 estaría detrás da organización de varios grupos sindicais. Reboiras tentou conformar dentro da UPG un grupo armado, cuxa primeira acción foi o atraco a unha oficina bancaria en Escairón, concello do Saviñao, en decembro de 1974. No punto de mira da Brigada Político Social polas súas actividades, foi cercado no barrio ferrolán de Canido, onde na madrugada do 12 de agosto sería tiroteado, morrendo no momento. Logo do sucedido, iniciouse unha redada que culminou coa detención da maior parte da cúpula da UPG e a desaparición do grupo armado.
Revolta contra o proxecto de Lignitos de Meirama en San Ramón das Encrobas
San Ramón das Encrobas
Dende os últimos meses da Ditadura e ata principios de 1977, sucedéronse toda unha serie de protestas en contra do proxecto de Lignitos de Meirama, propiedade de Unión Fenosa, para explotar un xacemento de lignito depositado no subsolo do val agrícola das Encrobas. A súa posta en marcha implicaba o desaloxo dunhas catrocentas familias campesiñas que, sufrindo a expropiación forzosa das terras, recibirían como indemnización cantidades moi por debaixo do valor real daquelas. Durante o mes de febreiro de 1977, documéntanse varios episodios de ocupación das propiedades pola veciñanza do lugar, manifestacións de oposición e resistencia nas que destacou a presenza feminina e a figura do párroco de Sésamo (Culleredo), Ramón Valcarce Vega, e que se saldaron con enfrontamentos coa Garda Civil, agresións e detencións. A actitude dos veciños e a dimensión que acadou o conflito nos medios de comunicación, forzou á empresa a negociar uns prezos asumíbeis.
Xornada Nacional pola Autonomía en Vigo
Vigo Centro. Rúa as Avenidas, S/N
O 4 de decembro de 1977 tivo lugar en Vigo unha manifestación multitudinaria polo estatuto de autonomía, “a manifestación máis grande da historia de Galicia” ata o momento. Cunha participación de arredor trescentas mil persoas, a manifestación converteuse nunha mobilización transversal na que o propio gobernador aceptou que en lugar da policía fora o PCG o encargado da seguridade. Enmarcábase nunha xornada nacional pola autonomía, con mobilizacións nas principais cidades galegas, aínda que ningunha con tal dimensión. O percorrido da manifestación rematou no Club Náutico, onde se leu un manifesto e se entoou o ‘Venceremos nós’. Horas despois, pola tarde, celebraríase no Estadio de Balaídos un partido entre o Real Club Celta de Vigo e o Granada Club de Fútbol que tamén daría espazo á reivindicación política. Os xogadores celtistas saltaron ó terreo de xogo portando unha gran bandeira de Galicia, e simultaneamente, o público asistente comezou a interpretar o Himno Galego. Tratábase dunha das primeiras ocasións nas que, dende o golpe de Estado de 1936, a bandeira galega estaba presente nun estadio, o que lle brindaba unha dimensión moi importante, tendo en conta a capacidade que o fútbol, xa naquela altura, tiña para chegar a amplos sectores sociais. O episodio puido ter lugar grazas ao acordo entre a directiva do club e a plataforma convocante da manifestación da mañá. O resultado do partido foi de 2-0 a favor do equipo galego.
Conflitividade obreira da Empresa Nacional Bazán de Construcciones Navales Militares
Rúa Ares, 4, 15401 Ferrol, A Coruña, España
A factoría de Bazán en Ferrol foi un importante núcleo de conflitividade obreira nos anos finais da ditadura. Xa a finais da década dos sesenta, Bazán vivía un aumento de conflitividade articulado en torno a unha forma de organización que se abría paso nas factorías: a Comisión Obreira. A finais de 1966 e principios de 1967, sufrindo unha diminución da carteira de pedidos que afectaba aos seus rendementos, a dirección da empresa anunciou o despido de 1200 traballadores da sección de Obras Civís e 62 aprendices. Ante isto, os traballadores elixiron de xeito asembleario enlaces das Comisións Obreiras para representar os seus intereses ante as autoridades sindicais e laborais da provincia, acudindo incluso ao Ministro de Traballo en Madrid. O 16 de xaneiro de 1967, CCOO convocou unha manifestación de apoio aos traballadores de Obras Civiles, na que aos 3000 traballadores de Bazán se sumaron en solidariedade cos obreiros de Astano, Pysbe e outras empresas. Presenciouse a creación de caixas de resistencia e a recollida de cartos para os folguistas, que lograron os seus obxectivos. Nova Galicia, revista do PCG, recollería o conflito no seu número do primeiro semestre de 1967 baixo o título 'Ferrol no es del Caudillo'. A década dos setenta levaría á cume as tensións. Os enlaces sindicais de Bazán, cunha importante presencia de CCOO, reclamaban xa en setembro de 1971 que o convenio colectivo do seguinte ano fora de ámbito local ou de fábrica, xa que os xurados das outras factorías Bazán (Cádiz e Cartaxena) estaban conformados por membros do sindicato vertical. Secasí, a presidencia do Sindicato Nacional do Metal anunciaba en xaneiro que o convenio sería interprovincial, aplicábel ás tres fábricas, e que as deliberacións para o mesmo comezarían o 27 de xaneiro de 1972. A pesar dos movementos dos enlaces sindicais de Ferrol -como pedir iguais representantes para Ferrol que para as dúas outras factorías xuntas, solicitar o aprazamento da reunión, presentación dun recurso contra a decisión- a resposta foi a mesma: o convenio sería interprovincial e, de negarse a factoría a participar, simplemente non se contaría coas súas posturas. Así, dende o día 12 de febreiro de 1972, a negociación tomou forma de conflito, comezando as asembleas por talleres a consensuar paros e boicots. Os días 2, 3 e 4 de marzo convocouse unha folga, decisión das asembleas de tres mil traballadores que se reunían na explanada da factoría. O día 7 de marzo anunciouse a sinatura do convenio interprovincial sen contar, efectivamente, coas posturas da factoría de Ferrol. O día 9 o paro na fábrica era xa total e a empresa anunciou a suspensión de emprego e soldo a vocais xurados e enlaces de CCOO. Con este caldo de cultivo, o día 10 de marzo unha manifestación pacífica de catro mil obreiros dirixíase á cidade a través da Ponte das Pías. Nas inmediacións da praza na que hoxe está situada a Porta Nova topáronse coa Policía Armada e produciuse un enfrontamento que deixaría máis de corenta feridos de bala e dous mortos, Amador Rey e Daniel Niebla. Ao coñecerse a noticia, Ferrol paralizouse en solidariedade, pechando os comercios, centros de ensino e de traballo. A solidariedade, tanto o día 10 coma nos días seguintes, estendeuse en forma de paros en Vulcano, Barreras ou Citroën en Vigo, entre outros, e superou o ámbito galego con xestos similares en Madrid, Barcelona e diversas cidades industriais de Euskadi e Andalucía.
Revolta dos traballadores en Vigo
Santa Marta de Balaídos. Rúa de Citroën, 3 e 5
En setembro de 1972, os traballadores de Citroën protagonizaron paros parciais nunha das seis naves da empresa, como medio para reclamar a xornada de corenta e catro horas semanais. A patronal reaccionou despedindo a cinco empregados e abrindo expediente a catro, ademais de pechar as portas da factoría. Os obreiros, ante esta situación, acordaron estender a folga ao resto da cidade. Responderon favorablemente empresas como Vulcano, Barreras, Freire, Santodomingo, Refrey, Artiscar, Forjas del Miñor, ASCON-Ríos, Censa, Álvarez, Reyman, Yarza, Aunaval, Ángel Otazo, Alonarti, La Artística, Amante Costas, Plásticos de Galicia, Fumensa,... A consigna era "nin un sancionado, nin un despedido, nin un detido". Na cidade houbo enfrontamentos entre obreiros e forzas de orde, levantándose barricadas en rúas como Florida, García Barbón, Plaza de España ou Avenida de Madrid. O venres 15, fíxose un chamamento á folga xeral, estendéndose esta á conserveira Massó de Cangas e á téxtil Dresslock en Porriño. Houbo detidos e varios miles de despedimentos. Para o día 25 de setembro, xa só Vulcano quedaba en folga, que se acabaría desfacendo dous días despois.
Revoltas en Salcedo, Guísamo e Cambre contra a construción da Autoestrada do Atlántico
San Martiño de Salcedo, Santa María de Guísamo e Santa María de Cambre
A construción da Autoestrada do Atlántico, iniciada a finais do Franquismo, foi un dos grandes motivos de organización de protestas veciñais na Galicia dos anos setenta. A parroquia de Salcedo foi un dos emprazamentos destacados na resistencia contra o proxecto, no que tiveron especial relevancia as mulleres. A contestación comezou en 1976, momento no que se iniciaron os traballos no tramo Pontevedra Sur-Rande, nas zonas das parroquias de Salcedo e Vilaboa. As labregas organizáronse para invadir os terreos onde a maquinaria ía traballar, especialmente aqueles correspondentes a terras de labor como viñedos ou hortas, chegando a implicar a mulleres que non vían as súas propiedades directamente afectadas polas obras. Con estes actos de protesta organizada e reiterada lograron paralizar e retrasar a construción da autoestrada, ata que, na primavera de 1977, rematou por intervir a Policía Armada. Nesta parroquia, xa con anterioridade producíranse disidencias relacionadas co uso dos montes veciñais, malia que non se documentan protestas organizadas. Na década dos cincuenta, as políticas forestais do réxime trataron de impedir o uso dos montes comunais, proceso no cal as mulleres da parroquia foron detidas e multadas por continuar a facer uso destes terreos de maneira consciente. En Santa María de Guísamo e Santa María de Cambre (nos concellos coruñeses de Begondo e Cambre), tamén se produciron protestas dende finais de 1977 co gallo da construción do tramo Guísamo-Barcala, procedendo os veciños afectados á recorrente paralización das obras efectuadas pola concesionaria Autopistas del Atlántico - CESA, como medio de presión para forzar á empresa a ceder ás súas reivindicacións canto ao prezo de venda das terras, os pasos e as redes de sumidoiros. Como consecuencia, tamén aquí se enviou ás forzas da Policía Armada para garantir que os traballadores puidesen continuar cos seus traballo con normalidade, o que non evitou enfrontamentos e detencións de afectados.
Movemento veciñal no barrio de Labañou
Rúa Nuestra Señora del Perpetuo Socorro, 21, 15011 A Coruña, España
Labañou constituíu un dos polos de dinamismo asociativo máis dinámicos da área da Coruña na década dos setenta. Labañou-San Roque-Zona Escolar foi unha das primeiras asociacións que botou a andar, impulsada principalmente pola comunidade cristiá de Labañou. O xermolo foi unha enquisa sobre as necesidades do barrio que puxeron en circulación o párroco Pepe Longueira xunto con Julia Rey, veciña da comunidade. Os que responderon a dita enquisa foron convocados a unha reunión na escola de barrio para falar dos resultados. Desta xuntanza xurdiu a asociación de veciños que levaba o nome do ex-conselleiro republicano Francisco Rodríguez Otero e que chegou a ter máis de setecentos afiliados. Entre os primeiros obxectivos da asociación pola mellora da calidade de vida no barrio atopábase a loita pola construción dun colexio ou a loita contra a infravivenda. No mesmo contexto, o barrio de Labañou foi un dos espazos nos que as mulleres comezaron a organizarse con aspiracións emancipadoras e con reclamos moi vinculados ás demandas do movemento obreiro. Alí comezaron a impulsar actividades clandestinas algunhas feministas da Coruña como Celsa Seoane, María Armesto, Chicha Novoa ou Chari Dalda, celebrando reunións na escola do barrio. Contaron tamén co apoio do párroco.
Resistencia contra a construción do encoro de Castrelo de Miño
Santa María de Castrelo de Miño
En xuño de 1966, Castrelo de Miño viviu un importante conflito pola gran diversidade de actores e segmentos sociais mobilizados. A causa: o proxecto de construción dun encoro a cargo de FENOSA que anegaría un val de gran riqueza produtiva. A oposición ás obras levouse a cabo entre a veciñanza cun alto grado de organización e cun amplo abano de accións de protesta, que incluíron accións directas como a concentración da veciñanza ante as máquinas para impedir os traballos, o lanzamento de maquinaria ao Miño e poida que incluso a queima das oficinas de FENOSA instaladas para as obras. Entre os segmentos mobilizados atopáronse tamén médicos, estudantes, cregos e escritores, que enviaron en xuño de 1966 unha carta de repulsa ao Goberno de España. A mobilización contou tamén co apoio de organizacións como a UPG, as CCOO e o PC, que no tempo daba os primeiros pasos cara á conformación das Comisións Campesiñas.
Primeira reunión nacional das CCOO de Galicia en Bastiagueiro
Santaia de Liáns. Lugar de Bastiagueiro
O primeiro programa de reivindicacións elaborado e firmado polas Comisións Obreiras da Coruña data do 19 de marzo de 1967. Este programa, publicado na revista do PCG Nova Galicia, constaba de oito puntos reivindicativos, entre os que se contaban diversas melloras nas condicións laborais. Un ano despois, 1968, celebrouse nun local parroquial de Bastiagueiro a primeira reunión nacional das CCOO de Galicia.
Mobilizacións na Universidade de Santiago en 1968
Praza da Universidade, s/n
O movemento estudantil foi un actor importante no aumento de conflitividade que acompañou aos últimos anos da ditadura. Certos espazos nas universidades foron, así, testemuñas de intensos conflitos, como é o caso da actual Facultade de Historia, antiga sede central da Universidade de Santiago de Compostela. A principios de marzo de 1968, comezou a que sería a folga máis intensa da USC durante o Franquismo, aínda que xa a comezos de ano se produciran episodios de desorde, con queima pública de xornais e concentracións ante a comisaría de policía a causa das detencións a varios estudantes. Tralas eleccións universitarias nese mesmo curso, nas que o Sindicato Democrático de Estudantes da Universidade Galega (SDEUG) desprazara ó extinto SEU, sindicato oficial do réxime, o cambio de representantes operouse na maioría das facultades de xeito pacífico. Na facultade de Ciencias, no entanto, o decano Joaquín Ocón tratou de impedir a tomar efectiva de poder dos novos representantes, chegando a impedirlles a entrada aos locais asociativos, e incluso, negarlles o acceso ás cotas pagadas polos estudantes para as súas actividades. O conflito estalou ao impedirse unha asemblea na Facultade de Ciencias, na primeira semana de marzo, iniciándose unha folga estudantil que contou cun seguimento maioritario do alumando e que se converteu nunha reivindicación dunha auténtica reforma da universidade. Demandando unha universidade “de todos e para todos'”, o “movemento democrático estudantil” denunciaba as limitacións sociais da Universidade e a represión por parte dos seus organismos e das forzas de autoridade, propugnando unha unión coas forzas do traballo para pular por un cambio completo. Como tal, recibiu o apoio de numerosos sectores sociais, entre outros as CCOO de Ferrol, que enviaron un escrito aos estudantes en solidariedade o 21 de marzo de 1968. O momento álxido do conflito ocorreu co peche pacífico de mil cincocentos estudantes no edificio central da Universidade, do 9 ao 12 de marzo. Logo do encerro, a folga e as asembleas continuaron, destacando a que se produciría a finais de marzo na Facultade de Medicina, e na que interviron as forzas de orde de xeito violento. Para atallar o conflito, as autoridades académicas decidiron adiantar as vacacións de Semana Santa, e logo destas, suspender as sancións e devolver as cotas. No curso seguinte, os representates do SDEUG asumiron os seus cargos con normalidade.
Primera celebración pública do Día da Patria Galega no Franquismo
Alameda de Santiago
O 25 de xullo de 1968, celebrouse en Santiago de Compostela o Día da Patria Galega, coa súa denominación, forma e significado actuais. Aínda que esta xornada era conmemorada polo nacionalismo dende 1920, non é ata este ano cando adopta este nome, entroncando co propio da primeira convocatoria feita polas Irmandades da Fala e doutros movementos de liberación nacional. Detrás da organización estaba a Unión do Povo Galego e grupos estudantís próximos á Frente de Liberación Popular, ó PC(M-L) e o Partido Socialista de Interior. A imposibilidade de celebrar o acto como se tiña previsto, unha concentración na Praza do Obradoiro, pola presenza do Exército nas rúas do centro histórico, levou a trasladalo á entrada da Alameda, onde se chegou a colgar unha pancarta co lema "Viva Galiza Ceibe e Socialista". Aínda cunha participación que non chegou ás dúas ducias de persoas, os actos foron significativos por evidenciar, primeiro, a reactivación do nacionalismo galego en torno á UPG, recuperando o proxecto de preguerra do Partido Galeguista nos seus núcleos centrais, ao tempo que se aproximaban ao marxismo e ao terceiromundismo, e segundo, a intención de actuar politicamente, a pesar do risco que supoñía facelo no contexto de brutal represión da Ditadura.
A memoria da resistencia civil organizada
- Mobilización veciñal na Praza de Armas
- Asasinato de Moncho Reboiras pola policía política
- Revolta contra o proxecto de Lignitos de Meirama en San Ramón das Encrobas
- Xornada Nacional pola Autonomía en Vigo
- Conflitividade obreira da Empresa Nacional Bazán de Construcciones Navales Militares
- Revolta dos traballadores en Vigo
- Revoltas en Salcedo, Guísamo e Cambre contra a construción da Autoestrada do Atlántico
- Movemento veciñal no barrio de Labañou
- Resistencia contra a construción do encoro de Castrelo de Miño
- Primeira reunión nacional das CCOO de Galicia en Bastiagueiro
- Mobilizacións na Universidade de Santiago en 1968
- Primera celebración pública do Día da Patria Galega no Franquismo
Boicot ao pagamento da contribución da Mutualidad Nacional Agraria
Santa María a Maior de Verín. Travesía do Concello, 1
Varias parroquias dos municipios de Verín, Muíños, A Merca, Bande e Paderne protagonizaron en marzo de 1972 os primeiros impagamentos colectivos da contribución da Mutualidad Nacional Agraria tras a entrada en vigor, en 1971, do texto refundido do "Régimen Especial Agrario de la Seguridad Social", que supoñían un engadido ao pagamento mensual da cota. Este cambio lexislativo pasou a considerar os titulares da explotación -arrendatarios e aparceiros- empresarios agrícolas, algo especialmente gravoso para o campo galego, onde nin existían grandes propietarios, nin os labregos eran empresarios. As Comisións Labregas parece que impulsaron este movemento, que tamén tería réplicas noutros puntos do país, especialmente na provincia de Lugo, chegando incluso os impagamentos ata a década oitenta, momento no que tamén se recorreu a peches de membros das CCLL en sedes da administración, como foi o caso das deputacións de Lugo, A Coruña e Ourense en marzo de 1980, ou a mitins, manifestacións e tractoradas. O movemento remataría en 1993, cando a cota foi suprimida. Secasí, e como se evidencia na publicación de Galicia Nova, xa se rexistran impagamentos en distintos puntos da provincia de Ourense a mediados de 1970, tamén organizados por Comisións Campesiñas.
Boicot ao pagamento da cota de millo
San Román das Encrobas, San Martiño de Cerceda, Santo André de Meirama, Santa María de Queixas, San Martiño de Rodís, Santa Comba de Xesteda
469 labregos das parroquias de Cerceda, Xesteda, Meirama, Queixas, Rodís e As Encrobas boicotearon en xuño de 1944 o cobro da cota de millo por parte do Sindicato Nacional del Trigo, de xeito que aínda que o cobrador acudiu repetidas veces a intentar recadala, non puido recoller unha cantidade significativa.
Protestas contra a privatización da marisma de Baldaio
San Cristovo de Lema
En 1948, aprobouse a concesión dunha parte das marismas de Baldaio para a cría e engorde de moluscos, tendo como resultado o paso a mans privadas desa área, a pesar do malestar e oposición dos veciños afectados, das parroquias de Lema, Noicela, Rebordelos e Vilela, que deixaban de poder gozar duns bens que por tradición foran de uso colectivo. O malestar veciñal aumentou cando, en 1954, a empresa adxudicataria pasou a denominarse Baldayos S.L., confirmando que o obxectivo principal da explotación non ía ser o cultivo de marisco, senón a extracción masiva de area. Os veciños do lugar, especialmente os da parroquia de Lema, iniciaron unha campaña para denunciar a situación, con cartas a ministros, ao rei e ao alcalde. Secasí, sería trala morte de Franco cando o movemento acadaría maiores dimensións, contactando incluso con veciños doutros lugares afectados por expropiacións forzosas similares (Xove, As Encrobas), organizacións sindicais (CCLL), políticas (UPG, ANPG) e emprendendo as primeiras manifestacións e ocupacións da praia. A este respecto, destacou a manifestación multitudinaria do 8 de maio de 1977, que reuniu a unhas cinco mil persoas nas rúas de Carballo e foi contundentemente reprimida pola Guardia Civil. Na tarde dese mesmo día, os veciños decidiron ocupar a praia, producíndose un novo enfrontamento coas forzas de orde, cun saldo de corenta feridos, catro hospitalizados e tres detidos. Neste movemento de resistencia, as mulleres tiveron un importante papel, como as mariscadoras ou Oliva Pose, unha das principais dirixentes das protestas. Todos os esforzos frutificaron en 1978, cando a marisma volveu ser lugar de marisqueo e a extracción de areas se detivo. A concesión á empresa adxudicataria quedaría revocada dez anos despois, en 1988, sendo finalmente ratificada polo Tribunal Supremo en 1991.
Resistencia á explotación da praia de Placeres
Santo André de Lourizán
A praia de Placeres e o entorno de Lourizán albergaban, antes da instalación de Celulosas de Pontevedra, un importante banco marisqueiro, integrado no ecosistema mariño da ría de Pontevedra. O anuncio da instalación da fábrica, constituída en 1957 con capital do Instituto Nacional de Industria, foi acompañado das queixas de pescadores, mariscadores e colectivos vinculados á produción marisqueira na ría, entre outros. Un dos episodios destacados desta oposición sucedeu na praia de Placeres en febreiro de 1959, e foi protagonizado por un grupo de mariscadoras da zona que, tras queixarse ao Ministerio de Industria de que o dragado do terreo público no que se instalaría a fábrica excedera os terreos acordados, ocupando a praia e con ela un importante banco marisqueiro, intentaron impedir coas súas mans a operación. A oposición das mariscadoras, que se materializou en manifestacións, o boicot directo da obra de dragado por medio do lanzamento ao mar da tubaxe colocada para tal fin e ata a marcha dunha comisión negociadora a Madrid, rematou por obrigar ás autoridades a suspender o dragado durante corenta e oito horas para pedir reforzos. A actividade só se puido retomar co apoio da Infantería de Marina e a presenza no porto de Marín do canoneiro Hernán Cortés, dotado de entre sesenta e setenta infantes de mariña. O 10 de febreiro de 1959, produciuse un enfrontamento entre a mobilización popular encabezada polas mariscadoras e as autoridades militares que remataría con cinco traballadoras feridas e a pacificación do proceso de dragado da praia, completada sen incidentes baixo vixilancia do Ministerio de Marina.
Revolta contra a repoboación do monte da Braña da Gatiñeira
San Fins de Eirón
En xaneiro de 1963, veciños da parroquia de Eirón enfrontáronse aos empregados de Patrimonio Forestal del Estado tratando de impedir a repoboación do monte Braña da Gatiñeira, que consideraban de propiedade veciñal, chegando a enfrontarse á Guardia Civil tratando de desarmala. A pesar de que a actuación da forza de orde supuxo a morte dun veciño, tres feridos e máis de vinte detencións, a veciñanza acadou o seu obxectivo de que non se seguiran incautando terreos na zona.
Resistencia contra a explotación do areal de Ponte Sampaio
Lugar Xunqueira, 3B, 36690 Pontevedra, España
En Ponte Sampaio, a industrialización da extracción de area da ría para o seu uso na construción en plena expansión urbanística da cidade de Vigo, produciu toda unha serie de protestas lideradas polas mariscadoras da zona nos anos 1965 e 1966. Un tempo despois de que a empresa encargada da extracción comezase o seu labor, e tras facérense evidentes os custos ecolóxicos e económicos que aquilo implicaba para o marisqueo, as mulleres da vila organizáronse nun acto de protesta de acción directa cara ós traballadores, imposibilitando o seu traballo, e deberon facer fronte á Guardia Civil que acudiu ó lugar para disolvelas. Dende entón, a empresa paralizou a extracción, e un ano despois do episodio retirou as máquinas do lugar.
Revolta contra a repoboación do monte comunal de Escornabois
Santa María de Escarnabois
En outubro de 1953, Patrimonio Forestal del Estado comezou os traballos de repoboación no que ata entón era o monte comunal de Escornabois. Nada máis facelo, un grupo de veciños presentouse no lugar, logrando paralizar a plantación. A situación continuou varios días, ata que a Guardia Civil detivo a sete veciños. Entón, o 23 e 24 de outubro de 1953 foi un nutrido grupo de mulleres, veciñas de Escornabois, quen impediu a realización dos traballos de repoboación, enfrontándose ás forzas de orde para tratar de freala. Para seguir co traballo foi precisa a presenza de trinta efectivos de gardas, distribuídos en outeiros e lugares de acceso. Só así as autoridades lograron conter á veciñanza, despois de deter a dúas mulleres significadas.
Negativa da poboación á entrega da cota de cereal en Trabada
Rúa do Concello, 15, 27765 Trabada, Lugo, España
Durante varios anos da década dos corenta, os veciños negáronse a entregar a cota de cereal, aliándose, contra o xefe local de Falanxe, co secretario do Concello. Logrouse apartar da recadación do cota ao falanxista, ademais dunha rebaixa no que se debía entregar. Posteriormente, o xefe local da Falanxe e o mesmo tempo alcalde, José Ramón Aenlle Rodríguez, enfrontouse aos veciños , que o acusaban dunha repoboación forestal que afectara a propiedades particulares.
A memoria da protesta no rural
- Boicot ao pagamento da contribución da Mutualidad Nacional Agraria
- Boicot ao pagamento da cota de millo
- Protestas contra a privatización da marisma de Baldaio
- Resistencia á explotación da praia de Placeres
- Revolta contra a repoboación do monte da Braña da Gatiñeira
- Resistencia contra a explotación do areal de Ponte Sampaio
- Revolta contra a repoboación do monte comunal de Escornabois
- Negativa da poboación á entrega da cota de cereal en Trabada