Resistencia á explotación da praia de Placeres

Resistencia á explotación da praia de Placeres

Resistencias civís non organizadasFranquismo (51-75)

A praia de Placeres e o entorno de Lourizán albergaban, antes da instalación de Celulosas de Pontevedra, un importante banco marisqueiro, integrado no ecosistema mariño da ría de Pontevedra. O anuncio da instalación da fábrica, constituída en 1957 con capital do Instituto Nacional de Industria, foi acompañado das queixas de pescadores, mariscadores e colectivos vinculados á produción marisqueira na ría, entre outros. Un dos episodios destacados desta oposición sucedeu na praia de Placeres en febreiro de 1959, e foi protagonizado por un grupo de mariscadoras da zona que, tras queixarse ao Ministerio de Industria de que o dragado do terreo público no que se instalaría a fábrica excedera os terreos acordados, ocupando a praia e con ela un importante banco marisqueiro, intentaron impedir coas súas mans a operación.
A oposición das mariscadoras, que se materializou en manifestacións, o boicot directo da obra de dragado por medio do lanzamento ao mar da tubaxe colocada para tal fin e ata a marcha dunha comisión negociadora a Madrid, rematou por obrigar ás autoridades a suspender o dragado durante corenta e oito horas para pedir reforzos. A actividade só se puido retomar co apoio da Infantería de Marina e a presenza no porto de Marín do canoneiro Hernán Cortés, dotado de entre sesenta e setenta infantes de mariña. O 10 de febreiro de 1959, produciuse un enfrontamento entre a mobilización popular encabezada polas mariscadoras e as autoridades militares que remataría con cinco traballadoras feridas e a pacificación do proceso de dragado da praia, completada sen incidentes baixo vixilancia do Ministerio de Marina.

Fontes

RICO, Eduardo, La creación de Celulosas de Pontevedra y su impacto en el sector forestal de la provincia. Fundación Empresa Pública. Documento de traballo 9707, 154. RICO, Eduardo, "Economic Policy and Forest Resources in Spain: the Case of the Province of Pontevedra, 1926-1956", Mauro Angoletti, S. Anderson (Eds.) Forest History. International Studies in Socio-Economic and Forest Ecosystem Change, CABI Publishing, Nova York, 2000.

Santo André de Lourizán, Pontevedra
/ PONTEVEDRA