Sobre nós

O Grupo de Investigación HISPONA (Historia Política e dos Nacionalismos) é un equipo de investigación da Universidade de Santiago de Compostela, situado entre os de maior produción científica da institución no ámbito das Humanidades. Os seus membros centran os seus estudos en aspectos políticos, culturais e sociais do mundo urbano do século XX, o que se concreta nas seguintes liñas de estudo: nacionalismos e procesos de nacionalización en España e Galicia; historia social e cultural da guerra e da violencia en España e Europa no século XX; Guerra Civil e primeiro franquismo: conflito, violencia e represión; políticas da memoria no século XX; migracións e cambio social en España e Galicia; partidos, ideoloxías e dinámicas sociopolíticas en España e Galicia; e historiografía e nacionalismo, séculos XIX e XX.

O interese que nos últimos anos os nosos investigadores prestaron ás cuestións da violencia, o conflito e a represión dende o golpe de Estado de 1936 e a das políticas de memoria no século pasado, levounos a participar en distintos proxectos de gran relevancia pública en Galicia. Un deles foi Nomes e Voces (2007-2013), que deu lugar a unha base de datos referencial sobre as vítimas da represión en Galicia, dispoñíbel en liña e cunha grande difusión. Destacan tamén os proxectos Xeración Perdida Coruña (2017) e Xeración Perdida Pontevedra (2018), cos que se puido identificar case seiscentos concelleiros da Segunda República vítimas da violencia golpista, xerando bases de datos accesíbeis en rede e varias publicacións. Por último, destácanse os informes históricos sobre o proceso de apropiación por parte da familia Franco do Pazo de Meirás (2018), a Casa Cornide (2020) e as estatuas do Mestre Mateo procedentes do Pórtico da Gloria (2021).

A presente páxina web alberga os resultados dos proxectos “Espazos da memoria democrática en Galicia: Franquismo e Transición” e “Pasado presente. Rotas da memoria democrática galega”, acollidos ás subvencións da Secretario de Estado de Memoria Democrática nos anos 2020 e 2022 respectivamente, e cos que, de xeito conxunto, se pretendeu fomentar o coñecemento da sociedade sobre a loita pola democracia durante o Franquismo e a Transición en Galicia, a través da conmemoración dos seus espazos de memoria referentes e a recuperación do seu patrimonio cultural material. Facelo supuxo dar visibilidade ás vítimas do Franquismo, sen esquecer entre elas a mulleres e a outros colectivos invisibilizados, pese ao seu importante papel, nos relatos sobre a construción da democracia en Galicia. E por suposto, manter o acento na difusión social das nosas investigacións, poñendo á disposición do público unha base de datos vinculada a un mapa de memoria, fontes documentais relevantes, roteiros de memoria ou unha programación didáctica para levar todo aquilo ás aulas dos institutos.