Fuxida no Portiño

Fuxida no Portiño

FuxidasGuerra Civil (36-39)

Dende finais de febreiro de 1937, comezouse a preparar un dos intentos de fuxida máis sonados da área coruñesa. Na mañá do día 3 de marzo, os libertarios vilagarciáns Luis Costa García e José Rodríguez Arias, xunto con outro compañeiro, de nome Ignacio, entraron en dous bous, as parellas dos “Miguelín”, fondeadas no porto da Coruña coa intención de, coa colaboración da tripulación, facerse co seu control unha vez estivesen en mar aberto. Deste xeito, haberían de achegarse ao Portiño –unha enseada próxima á cidade coruñesa pero relativamente afastada de núcleos de poboación– para recoller o continxente de persoas que alí agardaría durante a noite, entre oitenta e algo máis dun cento, segundo as fontes consultadas.
Secasí, o plan de fuxida quedou frustrado ao verse alertada a Garda Civil sobre o mesmo. Os escondidos nos barcos tiveron que escapar rapidamente do porto. Mentres, no Portiño, o continxente que alí agardaba foi sorprendido pola batería do Monte de San Pedro, que irrompeu no lugar berrando “¡Viva España!”, “¡Arriba España!” e “¡Manos Arriba!”. Algúns conseguiron saír a mar aberto coas bucetas que tiñan preparadas para trasladarse aos barcos asaltados; houbo tamén quen decidiu botarse ao mar e nadar. Aínda que non é posible precisar o número exacto de falecidos por afogamento ou polos disparos da Garda Civil, documéntanse, polo menos, tres. Por outro lado, durante aquela noite serían detidas vinte e sete persoas, e unha máis adiante, xulgadas posteriormente por rebelión militar e das que dezaseis foron condenadas a morte, dez a cadea perpetua, e dúas a quince anos de prisión. As execucións tiveron lugar o 9 de xullo e o 9 de outubro de 1937.

Estado

Conmemorado mediante monumento.

Fontes

PEREIRA, Dionisio, A fuxida do Portiño. Historia, memoria e vítimas, Edicións A Nosa Terra, Vigo, 2009.

San Pedro de Visma. Lugar do Portiño, A Coruña
/ A CORUÑA