Boicot ao pagamento da contribución da Mutualidad Nacional Agraria
Varias parroquias dos municipios de Verín, Muíños, A Merca, Bande e Paderne protagonizaron en marzo de 1972 os primeiros impagamentos colectivos da contribución da Mutualidad Nacional Agraria tras a entrada en vigor, en 1971, do texto refundido do “Régimen Especial Agrario de la Seguridad Social”, que supoñían un engadido ao pagamento mensual da cota. Este cambio lexislativo pasou a considerar os titulares da explotación -arrendatarios e aparceiros- empresarios agrícolas, algo especialmente gravoso para o campo galego, onde nin existían grandes propietarios, nin os labregos eran empresarios. As Comisións Labregas parece que impulsaron este movemento, que tamén tería réplicas noutros puntos do país, especialmente na provincia de Lugo, chegando incluso os impagamentos ata a década oitenta, momento no que tamén se recorreu a peches de membros das CCLL en sedes da administración, como foi o caso das deputacións de Lugo, A Coruña e Ourense en marzo de 1980, ou a mitins, manifestacións e tractoradas. O movemento remataría en 1993, cando a cota foi suprimida.
Secasí, e como se evidencia na publicación de Galicia Nova, xa se rexistran impagamentos en distintos puntos da provincia de Ourense a mediados de 1970, tamén organizados por Comisións Campesiñas.
Fontes
CABANA, Ana; LANERO, Daniel, "Movilización social en la Galicia rural en el tadrofranquismo (1960-1977)", Historia Agraria, 48, 2009, 111-132. DÍAZ, Alba, O campo en movemento. O papel do sindicalismo labrego no rural galego do tardofranquismo e da transición (1964-1986), Universidade de Santiago de Compostela, Santiago de Compostela, 2011, 77-80. GÓMEZ, José; SANTIDRIÁN, Víctor Manuel, Historia de Comisións Obreiras de Galicia nos seus documentos, Ediciós do Castro, Sada, 1996, 123 e segs. Nova Galica: revista de cultura e política, nº 18-19, 1970, p. 17
Notas
Escolleuse, como punto representativo (por ser un dos escenarios dos impagamentos), Verín, e en específico, a Casa do Concello. Ademais, ao lado da sede do poder municipal, localízase dous elementos significativos en cuestión de memoria: un pequeno monumento cos nomes dos cinco fusilados o 17 de xuño de 1937 e, por outro lado, o cuartel da Policía Nacional, que conta aínda co escudo franquista na súa fachada.