Protestas contra a privatización da marisma de Baldaio

Protestas contra a privatización da marisma de Baldaio

Resistencias civís organizadasMulleresTransición (75-78)

En 1948, aprobouse a concesión dunha parte das marismas de Baldaio para a cría e engorde de moluscos, tendo como resultado o paso a mans privadas desa área, a pesar do malestar e oposición dos veciños afectados, das parroquias de Lema, Noicela, Rebordelos e Vilela, que deixaban de poder gozar duns bens que por tradición foran de uso colectivo. O malestar veciñal aumentou cando, en 1954, a empresa adxudicataria pasou a denominarse Baldayos S.L., confirmando que o obxectivo principal da explotación non ía ser o cultivo de marisco, senón a extracción masiva de area. Os veciños do lugar, especialmente os da parroquia de Lema, iniciaron unha campaña para denunciar a situación, con cartas a ministros, ao rei e ao alcalde. Secasí, sería trala morte de Franco cando o movemento acadaría maiores dimensións, contactando incluso con veciños doutros lugares afectados por expropiacións forzosas similares (Xove, As Encrobas), organizacións sindicais (CCLL), políticas (UPG, ANPG) e emprendendo as primeiras manifestacións e ocupacións da praia. A este respecto, destacou a manifestación multitudinaria do 8 de maio de 1977, que reuniu a unhas cinco mil persoas nas rúas de Carballo e foi contundentemente reprimida pola Guardia Civil. Na tarde dese mesmo día, os veciños decidiron ocupar a praia, producíndose un novo enfrontamento coas forzas de orde, cun saldo de corenta feridos, catro hospitalizados e tres detidos. Neste movemento de resistencia, as mulleres tiveron un importante papel, como as mariscadoras ou Oliva Pose, unha das principais dirixentes das protestas. Todos os esforzos frutificaron en 1978, cando a marisma volveu ser lugar de marisqueo e a extracción de areas se detivo. A concesión á empresa adxudicataria quedaría revocada dez anos despois, en 1988, sendo finalmente ratificada polo Tribunal Supremo en 1991.

Fontes

"Por mariscar en la marisma de Baldaio", La Voz de Galicia, 02/12/1977, 37. PARDO, Xoana, "Mulleres labregas: como repensar o mundo", Compostimes, 27/02/2013, https://compostimes.com/2013/02/mulleres-labregas-como-repensar-o-mundo/>, 14/08/2022. TORNA, Cilia, "Baldaio, unha loita moi custosa, mais mereceu a pena", 08/05/2020,

San Cristovo de Lema, Carballo
/ A CORUÑA