Prisión municipal nos Baixos do Pazo de Raxoi, A Falcona
Nos baixos do Pazo de Raxoi, habilitouse un espazo de reclusión no verán de 1936, coñecido como A Falcona. Por celebrárense na cidade consellos de guerra, albergou condenados a morte en cifras elevadas, localizados nunha cela especial coñecida como “El Saladero”, que, polas necesidades de espazo, tamén frecuentaba acoller as mulleres que ingresaban no centro. Foi o lugar de encarceramento de figuras como o intelectual Camilo Díaz Baliño ou o político republicano e alcalde de Santiago, Ánxel Casal Gosenxe. Estes dous últimos son exemplo de presos que foron sacados do lugar para a súa execución.
Fontes
NOMES E VOCES, "Lugares de morte: falecidos/as nas prisións ou centros de detención", NOMES E VOCES, 2022, http://www.nomesevoces.net/gl/mapas-google/lugares-de-morte-falecidosas-nas-prisions-ou-centros-de-detencion, 14/08/2022. RODRIGUEZ, Domingo, Presos e prisións na Galicia de guerra e posguerra (1936-1945), Editorial Galaxia, Vigo, 2010.