Movemento veciñal no barrio de Labañou

Movemento veciñal no barrio de Labañou

Movementos feministas e LGTBIQ+Resistencias civís organizadasIgrexaMulleresFranquismo (51-75)Transición (75-78)

Labañou constituíu un dos polos de dinamismo asociativo máis dinámicos da área da Coruña na década dos setenta. Labañou-San Roque-Zona Escolar foi unha das primeiras asociacións que botou a andar, impulsada principalmente pola comunidade cristiá de Labañou. O xermolo foi unha enquisa sobre as necesidades do barrio que puxeron en circulación o párroco Pepe Longueira xunto con Julia Rey, veciña da comunidade. Os que responderon a dita enquisa foron convocados a unha reunión na escola de barrio para falar dos resultados. Desta xuntanza xurdiu a asociación de veciños que levaba o nome do ex-conselleiro republicano Francisco Rodríguez Otero e que chegou a ter máis de setecentos afiliados. Entre os primeiros obxectivos da asociación pola mellora da calidade de vida no barrio atopábase a loita pola construción dun colexio ou a loita contra a infravivenda.
No mesmo contexto, o barrio de Labañou foi un dos espazos nos que as mulleres comezaron a organizarse con aspiracións emancipadoras e con reclamos moi vinculados ás demandas do movemento obreiro. Alí comezaron a impulsar actividades clandestinas algunhas feministas da Coruña como Celsa Seoane, María Armesto, Chicha Novoa ou Chari Dalda, celebrando reunións na escola do barrio. Contaron tamén co apoio do párroco.

Fontes

BAR, Mónica, Feministas galegas. Claves dunha revolución en marcha, Edicións Xerais, Vigo, 2010, 96 e 132. GURRIARÁN, Ricardo (coord.), A cultura e o asociacionismo cívico na Coruña. Entre a oficialidade e a resistencia (1939-1979), Fundación 10 de marzo, Santiago de Compostela, 2019, 241.

Notas

As coordenadas (e a fotografía) refírense ao local actual da Asociación de Veciños Labañou-San Roque-Zona Escolar.

Rúa Nuestra Señora del Perpetuo Socorro, 21, 15011 A Coruña, España, A Coruña
/ A Coruña