Antigo Cárcere de Lugo

Antigo Cárcere de Lugo

Prisións e torturasGuerra Civil (36-39)Posguerra (39-51)Franquismo (51-75)Transición (75-78)

Aberto en 1887 para substituír o vello edificio da rúa Armañá, funcionou como penitenciaría menor e xulgado do partido xudicial lucense. Aínda que a súa capacidade ás poucas superaba o centenar de presos, tralo golpe de Estado chegará a albergar uns novecentos, chegando a pasar polas súas instalacións, entre 1936 e 1940 máis de cinco mil definidos como políticos. O amoreamento era unha realidade, chegando a haber cincuenta persoas nunha cela de menos de trinta metros cadrados. A esta situación haberíalle que sumar a “dieta da fame”, as malas condicións hixiénicas e as enfermidades resultantes. Destacan especialmente os anos 1937 e 1939 como momentos nos que as entradas se incrementaron, primeiro pola caída de Asturias, e segundo pola chegada de presos procedentes doutras zonas do país a fin de redimir penas por traballo nas obras que se realizaron en Lugo. Pecharía en 1981.

Estado

Na actualidade, recuperouse como centro cultural e social, sendo un espazo para a celebración de concertos, conferencias, talleres e mostras. Con todo, tamén existen varias exposicións permanentes, entre elas, unha sobre o cárcere durante a guerra e a posguerra, con paneis informativos, recreacións e documentos como libros de memorias, notas e cartas dos presos ás familias. Por último, nunha das antigas celas, aparecen escritos os nomes dos presos represaliados que pasaron polo centro.

Fontes

O VELLO CÁRECERE, O Vello Cárece. Centro Sociocultural, 2022, https://ovellocarceredelugo.gal/historia/, 20/08/2022. O VELLO CÁRCERE, "O Vello Cárecere de Lugo. Da guerra á posguerra", O Vello Cárece: Centro Sociocultural de Lugo, 2022. SOUTO, María Jesús, La represión franquista en la provincia de Lugo, Ediciós do Castro, Sada, 2008, 81-83.

Distrito Centro. Praza da Constitución, s/n, Lugo
/ LUGO