Revoltas en Salcedo, Guísamo e Cambre contra a construción da Autoestrada do Atlántico

Revoltas en Salcedo, Guísamo e Cambre contra a construción da Autoestrada do Atlántico

Resistencias civís non organizadasResistencias civís organizadasMulleresFranquismo (51-75)Transición (75-78)

A construción da Autoestrada do Atlántico, iniciada a finais do Franquismo, foi un dos grandes motivos de organización de protestas veciñais na Galicia dos anos setenta. A parroquia de Salcedo foi un dos emprazamentos destacados na resistencia contra o proxecto, no que tiveron especial relevancia as mulleres. A contestación comezou en 1976, momento no que se iniciaron os traballos no tramo Pontevedra Sur-Rande, nas zonas das parroquias de Salcedo e Vilaboa. As labregas organizáronse para invadir os terreos onde a maquinaria ía traballar, especialmente aqueles correspondentes a terras de labor como viñedos ou hortas, chegando a implicar a mulleres que non vían as súas propiedades directamente afectadas polas obras. Con estes actos de protesta organizada e reiterada lograron paralizar e retrasar a construción da autoestrada, ata que, na primavera de 1977, rematou por intervir a Policía Armada.
Nesta parroquia, xa con anterioridade producíranse disidencias relacionadas co uso dos montes veciñais, malia que non se documentan protestas organizadas. Na década dos cincuenta, as políticas forestais do réxime trataron de impedir o uso dos montes comunais, proceso no cal as mulleres da parroquia foron detidas e multadas por continuar a facer uso destes terreos de maneira consciente.
En Santa María de Guísamo e Santa María de Cambre (nos concellos coruñeses de Begondo e Cambre), tamén se produciron protestas dende finais de 1977 co gallo da construción do tramo Guísamo-Barcala, procedendo os veciños afectados á recorrente paralización das obras efectuadas pola concesionaria Autopistas del Atlántico – CESA, como medio de presión para forzar á empresa a ceder ás súas reivindicacións canto ao prezo de venda das terras, os pasos e as redes de sumidoiros. Como consecuencia, tamén aquí se enviou ás forzas da Policía Armada para garantir que os traballadores puidesen continuar cos seus traballo con normalidade, o que non evitou enfrontamentos e detencións de afectados.

Fontes

CABANA, Ana, "Mulleres diante. Rostros femininos e acción colectiva no rural galego", Boletín Galego de Literatura, 50, 2017, 89-114. LANERO, Daniel, "Entre dictadura y democracia: la conflictividad socioambiental en las Rias Baixas, 1959-1980", en Daniel Lanero, Por Surcos y calles. Movilización social e identidades en Galicia y el País Vasco (1968-1980), La Catarata, Madrid, 2003, 139-172. SOLER, Lorenzo; ARGOLA, Jorge (dirs.), "A mirada de Anna", Adivina producciones, 2009. SOLER, Lorenzo (dir.), "Autopista: unha navallada á nosa terra", Lorenzo Soler, 1977. DÍAZ, Alba, O campo en movemento. O papel do sindicalismo labrego no rural galego do tardofranquismo e da transición (1964-1986), Universidade de Santiago de Compostela, Santiago de Compostela, 2011, 88MARTÍNEZ, Fátima, Cuando la ciudad latía: el movimiento vecinal en Galicia (1964-1982) [tese de doutoramento], Universidad Complutense de Madrid, Madrid, 2021. CARBALLIDO, Manoel, "Afectados por la Autopista denuncian irregularidades con la concesionaria", La Voz de Galicia, 06/11/1977, 36. "Grupos de afectados paralizaron las obras de la Autopista desde Guísamo a Seixurra", La Voz de Galicia, 18/11/1977, 27. "La Guardia Civil levantó atestado por la paralización de las obras", La Voz de Galicia, 22/11/1977, 52. "Normalidad en las obras de la autopista", La Voz de Galicia, 18/01/1978, 19. "Nuevos incidentes en las obras de la autopista", La Voz de Galicia, 03/02/1978, 26.

Notas

Por non contar cunha localización máis precisa, as coordenadas refírense á autoestrada ao seu paso por Guísamo.

San Martiño de Salcedo, Santa María de Guísamo e Santa María de Cambre, Pontevedra, Bergondo e Cambre
/ PONTEVEDRA E A CORUÑA