IV Encontro Estatal das Fronte de Liberación Homosexual

IV Encontro Estatal das Fronte de Liberación Homosexual

Movementos feministas e LGTBIQ+Transición (75-78)

En outubro de 1978, celebráronse en Vigo os encontros da Coordinadora de Federación de Frentes de Liberación Homosexual del Estado Español (COFLHEE), nos que se decidiu rexeitar o proxecto de Constitución por non contemplar o dereito á libre orientación sexual do individuo, así como aprobar unha serie de puntos que incluían esixir a amnistía de tódolos presos por razón de aplicación de lexislación represiva por cuestións sexuais, a derrogación da lei de Perigosidade Social ou a obrigación de impartir unha educación sexual adecuada.
Malia que este é un dos fitos máis recoñecibles, xa con anterioridade existe constancia dunha Fronte pola Liberación Homosexual Galega (FLHG), constituída á altura de 1977 en diferentes cidades de Galicia, como Vigo, A Coruña ou Compostela, neste caso xa un ano antes. Na cidade de Vigo, a Fronte pola Liberación Homosexual Galega debeu contar con espazos de reunión habituais, pois no comunicado publicado o 20 de outubro de 1978 en El Pueblo Gallego, fan constar o seu apartado de correos nesa mesma cidade para toda persoa que quixese poñerse en contacto coa asociación.

Fontes

"En Vigo hoy finaliza la IV Coordinadora de Frentes de Liberación Homosexual", El Pueblo Gallego, 15/10/1978, 10. FERRÁNDEZ, Daniela, A defunción dos sexos: Disidentes sexuais na Galiza Contemporánea, Edicións Xerais, Vigo, 2022. GONZÁLEZ, Gerardo, "Los frentes de liberación homosexual, contra la Constitución", El País, 18/10/1978, https://elpais.com/diario/1978/10/18/espana/277513212_850215.html, 20/08/2022. "La COFLHEE y la Constitución: 'No reconoce la librtad sexual del individuo'", El Pueblo Gallego, 20/10/1978, 10.

Notas

A ausencia de referencias concretas levou a sinalar como coordenadas a Rúa Hernán Cortés, na que se localiza a sede da Asociación LGTBIQ+ PVLSE Vigo.

Vigo Centro. Rúa Hernán Cortés, 8, Vigo
/ Pontevedra