Mobilizacións na Universidade de Santiago en 1968
O movemento estudantil foi un actor importante no aumento de conflitividade que acompañou aos últimos anos da ditadura. Certos espazos nas universidades foron, así, testemuñas de intensos conflitos, como é o caso da actual Facultade de Historia, antiga sede central da Universidade de Santiago de Compostela. A principios de marzo de 1968, comezou a que sería a folga máis intensa da USC durante o Franquismo, aínda que xa a comezos de ano se produciran episodios de desorde, con queima pública de xornais e concentracións ante a comisaría de policía a causa das detencións a varios estudantes. Tralas eleccións universitarias nese mesmo curso, nas que o Sindicato Democrático de Estudantes da Universidade Galega (SDEUG) desprazara ó extinto SEU, sindicato oficial do réxime, o cambio de representantes operouse na maioría das facultades de xeito pacífico. Na facultade de Ciencias, no entanto, o decano Joaquín Ocón tratou de impedir a tomar efectiva de poder dos novos representantes, chegando a impedirlles a entrada aos locais asociativos, e incluso, negarlles o acceso ás cotas pagadas polos estudantes para as súas actividades.
O conflito estalou ao impedirse unha asemblea na Facultade de Ciencias, na primeira semana de marzo, iniciándose unha folga estudantil que contou cun seguimento maioritario do alumando e que se converteu nunha reivindicación dunha auténtica reforma da universidade. Demandando unha universidade “de todos e para todos’”, o “movemento democrático estudantil” denunciaba as limitacións sociais da Universidade e a represión por parte dos seus organismos e das forzas de autoridade, propugnando unha unión coas forzas do traballo para pular por un cambio completo. Como tal, recibiu o apoio de numerosos sectores sociais, entre outros as CCOO de Ferrol, que enviaron un escrito aos estudantes en solidariedade o 21 de marzo de 1968. O momento álxido do conflito ocorreu co peche pacífico de mil cincocentos estudantes no edificio central da Universidade, do 9 ao 12 de marzo.
Logo do encerro, a folga e as asembleas continuaron, destacando a que se produciría a finais de marzo na Facultade de Medicina, e na que interviron as forzas de orde de xeito violento. Para atallar o conflito, as autoridades académicas decidiron adiantar as vacacións de Semana Santa, e logo destas, suspender as sancións e devolver as cotas. No curso seguinte, os representates do SDEUG asumiron os seus cargos con normalidade.
Fontes
MARTÍNEZ, Xosé Antonio, A Igrexa antifranquista en Galicia. Análise histórica da crise posconciliar, Ediciós do Castro, Sada, 1995, 75.GÓMEZ, José; SANTIDRIÁN, Víctor Manuel, Historia de Comisións Obreiras de Galicia nos seus documentos, Ediciós do Castro, Sada, 1996, 93 e segs.GÓMEZ, José, "Os movementos sociais no arquivo da fundación 10 de marzo", Dez Eme, 11, 2006, 45-62.TRIBUNAL DE ORDEN PÚBLICO, Sumario 31/1968, sentenza 221."Nuevos disturbios estudiantiles, en Santiago", La Voz de Galicia, 21/01/1968, 1. "Manifestación de estudientes en Santiago de Compostela", La Voz de Galicia, 21/01/1968, 4. "Universitarios de Santiago queman ejemplares del diario local", La Voz de Galicia, 20/01/1968, 6.