Xornada Nacional pola Autonomía en Vigo

Xornada Nacional pola Autonomía en Vigo

Resistencias civís organizadasTransición (75-78)

O 4 de decembro de 1977 tivo lugar en Vigo unha manifestación multitudinaria polo estatuto de autonomía, “a manifestación máis grande da historia de Galicia” ata o momento. Cunha participación de arredor trescentas mil persoas, a manifestación converteuse nunha mobilización transversal na que o propio gobernador aceptou que en lugar da policía fora o PCG o encargado da seguridade. Enmarcábase nunha xornada nacional pola autonomía, con mobilizacións nas principais cidades galegas, aínda que ningunha con tal dimensión. O percorrido da manifestación rematou no Club Náutico, onde se leu un manifesto e se entoou o ‘Venceremos nós’.
Horas despois, pola tarde, celebraríase no Estadio de Balaídos un partido entre o Real Club Celta de Vigo e o Granada Club de Fútbol que tamén daría espazo á reivindicación política. Os xogadores celtistas saltaron ó terreo de xogo portando unha gran bandeira de Galicia, e simultaneamente, o público asistente comezou a interpretar o Himno Galego. Tratábase dunha das primeiras ocasións nas que, dende o golpe de Estado de 1936, a bandeira galega estaba presente nun estadio, o que lle brindaba unha dimensión moi importante, tendo en conta a capacidade que o fútbol, xa naquela altura, tiña para chegar a amplos sectores sociais. O episodio puido ter lugar grazas ao acordo entre a directiva do club e a plataforma convocante da manifestación da mañá. O resultado do partido foi de 2-0 a favor do equipo galego.

Fontes

PUNZÓN, Carlos, "Galicia fixo oir en Vigo a súa voz cunha celebración da democracia na rúa", La Voz de Galicia, 10/05/2017, https://www.lavozdegalicia.es/noticia/vigo/vigo/2017/04/02/span-langglgalicia-fixo-oir-vigo-sua-voz-cunha-celebracion-da-democracia-na-ruaspan/0003_201704V2C4993.htm, 13/08/2022. PÉREZ, Marcos, "Hoxe, hai 40 anos, Galicia reclamou a súa autonomía", Praza.gal, 04/12/2017, https://praza.gal/politica/hoxe-hai-40-anos-galicia-reclamou-a-sua-autonomia, 13/08/2022. MARTÍNEZ, Fátima, Cuando la ciudad latía: el movimiento vecinal en Galicia (1964-1982) [tese de doutoramento], Universidad Complutense de Madrid, Madrid, 2021, 275 e segs. "Un Celta que viene por todo" e "En el barrizal de Balaidos ofreció el Celta una exhibición de fuerza", La Voz de Galicia, 6/12/1977, 25 e 28.

Vigo Centro. Rúa as Avenidas, S/N, Vigo
/ PONTEVEDRA