Primera celebración pública do Día da Patria Galega no Franquismo

Primera celebración pública do Día da Patria Galega no Franquismo

Resistencias civís organizadasFranquismo (51-75)

O 25 de xullo de 1968, celebrouse en Santiago de Compostela o Día da Patria Galega, coa súa denominación, forma e significado actuais. Aínda que esta xornada era conmemorada polo nacionalismo dende 1920, non é ata este ano cando adopta este nome, entroncando co propio da primeira convocatoria feita polas Irmandades da Fala e doutros movementos de liberación nacional. Detrás da organización estaba a Unión do Povo Galego e grupos estudantís próximos á Frente de Liberación Popular, ó PC(M-L) e o Partido Socialista de Interior. A imposibilidade de celebrar o acto como se tiña previsto, unha concentración na Praza do Obradoiro, pola presenza do Exército nas rúas do centro histórico, levou a trasladalo á entrada da Alameda, onde se chegou a colgar unha pancarta co lema “Viva Galiza Ceibe e Socialista”. Aínda cunha participación que non chegou ás dúas ducias de persoas, os actos foron significativos por evidenciar, primeiro, a reactivación do nacionalismo galego en torno á UPG, recuperando o proxecto de preguerra do Partido Galeguista nos seus núcleos centrais, ao tempo que se aproximaban ao marxismo e ao terceiromundismo, e segundo, a intención de actuar politicamente, a pesar do risco que supoñía facelo no contexto de brutal represión da Ditadura.

Fontes

"50 anos do Día da Patria Galega", Sermos Galiza, 19/07/2018, 2-3 e 6-9. OBELLEIRO, María, "As voces da primeira década do Día da Patria Galega", Nos Diario, 22/07/2017, https://www.nosdiario.gal/articulo/politica/voces-da-primeira-decada-do-dia-da-patria-galega/20170719225237059666.html, 14/10/2022.

Alameda de Santiago, Santiago de Compostela
/ A CORUÑA