Asasinato de Moncho Reboiras pola policía política

Asasinato de Moncho Reboiras pola policía política

Resistencias civís organizadasFranquismo (51-75)

Xosé Ramón Reboiras Noia, sindicalista, político da Unión do Povo Galego e opositor á ditadura, é unha das figuras sociopolíticas máis relevantes da loita antifranquista en Galicia da primeira metade da década dos setenta. Natural do concello de Dodro e logo trasladado coa súa familia ao barrio vigués de Teis, o seu compromiso político xermolou durante a adolescencia, primeiro, a partir do Castro, un grupo cultural impulsado polo padre xesuíta Xaime Seixas Subirá, comprometido co nacionalismo galego; para logo pasar a unha maior maduración xa inseparable do antifranquismo a través da Asociación Cultural de Vigo, con figuras como Camilo Nogueira e José Luis Méndez Ferrín. Afiliado á UPG en 1969, durante os seus anos universitarios na Escola Técnica de Enxeñaría Industrial de Vigo, combinou as obrigas académicas coa militancia, converténdose nun dos líderes fundamentais da organización, favorecendo a captación de cadros obreiros e as relacións con outros grupos disidentes. Logo de finalizar os seus estudos, entra a traballar, por medio dunha bolsa, na viguesa Hijos de J. Barreras S.A., tendo rol destacado na actividade folguista viguesa de 1972. Perdida a bolsa por esta razón, trasladaríase a Ferrol, e máis adiante, á Coruña, onde entre 1973 e 1974 estaría detrás da organización de varios grupos sindicais. Reboiras tentou conformar dentro da UPG un grupo armado, cuxa primeira acción foi o atraco a unha oficina bancaria en Escairón, concello do Saviñao, en decembro de 1974. No punto de mira da Brigada Político Social polas súas actividades, foi cercado no barrio ferrolán de Canido, onde na madrugada do 12 de agosto sería tiroteado, morrendo no momento. Logo do sucedido, iniciouse unha redada que culminou coa detención da maior parte da cúpula da UPG e a desaparición do grupo armado.

Estado

Cada 12 de agosto a Unión do Povo Galego conmemora o aniversario do asasinato de Xosé Ramón Reboiras Noia. Á mediodia hai unha concentración no cemitério da parroquia de Imo, no Concello de Dodro, para depositar flores ao pé da súa tumba, e a media tarde, unha concentración política en Ferrol, xusto ante o portal onde foi asasinado, na Rúa da Terra, 27.

Fontes

MARTÍNEZ, Xurxo; Pereiro, Xosé Manuel, Reboiras: o camiño da rebeldía, Aira Editorial, Allariz, 2021. BARROS, Carlos, "Historia, memoria y franquismo", Historia Actual Online, 33, 2022, 153–171. VV.AA., Moncho Reboiras: o nacionalismo galego nos anos 70, Fundación Bautista Álvarez, Santiago de Compostela, 2009.

Canido. Rúa da Terra, 27, Ferrol
/ A CORUÑA