Manifestación popular en Rianxo

Manifestación popular en Rianxo

Resistencias civís organizadasMulleresTransición (75-78)

O 29 de agosto de 1977 tivo lugar unha manifestación que partiu da Cofradía de Pescadores e culminou na praza do Concello de Rianxo. Con notable protagonismo das mariscadoras rianxeiras así como de nenos e nenas, demandaba a dimisión do alcalde da vila, José Luis Fernández Iglesias, xunto co resto da corporación municipal. A presión popular forzou a dimisión, que foi recibida con alegría pola veciñanza congregada diante do consistorio, en cuxo balcón se izou a bandeira galega xunto coa española ao compás do himno de Pondal e Veiga.
O sucedido en Rianxo é ben representativo das crises municipais que se comezaron a suceder en moitos concellos do Estado trala morte de Franco, co aumento do malestar de veciños e veciñas coas corporacións da ditadura, vistas con cada vez menos lexitimidade pola súa deficitaria xestión e por non ser froito da vontade democrática da poboación. Así, temos distintos exemplos de caída, por presión popular, de gobernos municipais en cidades como Vigo, A Coruña ou Sada, que, da man das asociacións veciñais iniciarían un cambio de poderes que sería completado coas eleccións municipais celebradas en abril de 1979.

Fontes

MARTÍNEZ, Fátima, Cuando la ciudad latía: el movimiento vecinal en Galicia (1964-1982) [tese de doutoramento], Universidad Complutense de Madrid, Madrid, 2021, 233-240. CALVO, Tucho, "Una manifestación popular obligó a dimitir al alcalde de Rianxo", La Voz de Galicia, 30/08/1977, 22-23.

Santa Comba de Rianxo. Praza Castelao, 1, Rianxo
/ A CORUÑA