Resistencias na Conserveira Hijos de Antonio Alonso
En 1938, dous episodios protagonizados por traballadoras da conserveira Hijos de Antonio Alonso provocou o ingreso en prisión dun grupo delas, sendo exemplo representativo dunha resistencia de baixa intensidade, con recurso ás “armas do feble”, e recorrente en contextos nos que, dada a coerción exercida polo poder, resultaba complicado exercer manifestacións de disidencia moito máis explícitas. No primeiro, Otilia Docamiño García, María Teresa Cores, Loida Pereira Figueroa a Adelaida e Piedad Lafuente Martínez foron acusadas por outra compañeira de cantar composición patrióticas terxiversando a letra para exaltar a personaxes da zona republicana e atacar a Franco, Queipo del Llano ou criticando as vitorias militares sublevadas, o que lles valeu penas polo delito de auxilio á rebelión, oscilantes entre seis meses e seis anos de cárcere. O outro episodio foi protagonizado por Nieves Rivas “a Seca”, Amparo Garaboa Sandes, Amparo Álvarez Nogueira e Consuelo Rodríguez Fernández “a Carioca”, do mesmo xeito procesadas por un delito de auxilio á rebelión, neste caso por cantar “La Internacional”, o que lles costou a pena da prisión perpetua.
Fontes
PRADA, Julio, “La represión sobre las mueres en Galicia. Algunas Claves interpretativas”, en Jesús de Juana López; Julio Prada Rodríguez (dirs.), Nuevas perspectivas en el estudio de la mujer durante el Franquismo, Sílex Universidad, Madrid, 2017, 57-59.
Notas
Por non contar cunha localización máis precisa, e tendo seguro que á fábrica localizábase no Areal vigués, as coordenadas refírense a un punto da Avenida Beiramar.