Recibimento dos encausados no Xuízo dos 23 no Palco da Música
Arredor das oito da tarde do 6 de febreiro de 1976, chegaba a Ferrol unha comitiva integrada por arredor de cen turismos e tres autobuses que acompañaba aos tres últimos encadeados do “Xuízo dos 23”: Manuel Amor Deus, José María Rioboo e Rafael Pillado. Celebrado en Madrid en xullo de 1975, xulgouse a vinte e tres persoas destacadas nas loitas sindicais, polos sucesos arredor da folga de 1972 en Ferrol. Amor Deus, Rioboo e Pillado eran os últimos que permanecían en prisión e a súa liberación trala amnistía de 1976 congregou a multitude de persoas que acudiron a recibilos en diversos puntos do seu camiño de volta á cidade. Pronunciadas unhas palabras dende o palco da música, a concentración de benvida rematou nunha nutrida manifestación que recorreu as rúas de Ferrol, reivindicando a amnistía e as liberdades.
Fontes
"Millares de personas en el recibimiento a los liberados del 'proceso de los 23'", La Voz de Galicia, 07/02/1976, 11.