Queima de libros ante o Real Club Náutico

Queima de libros ante o Real Club Náutico

Resistencias culturaisGuerra Civil (36-39)

Nos lugares nos que triunfou o golpe de Estado ou posteriormente foron caendo baixo o control das forzas sublevadas, comezaron a producirse incautacións e destrución de libros pertencentes a bibliotecas públicas e privadas, considerados perigosos e perniciosos polas súas ideas amorais, subversivas e, en xeral, alleas á Nueva España. Do mesmo xeito, tamén se deu a persecución dos seus posuidores, así coma mestres, bibliotecarios, editores e libreiros. En agosto de 1936, a prensa local rexistrou unha das varias queimas que se produciron na cidade coruñesa, a cargo de Falange: “montones de libros y folletos de criminal propaganda comunista y antiespañola y de repugnante literatura pornográfica”.
Nese mesmo mes, o gobernador civil da provincia, Florentino González Vallés, ordenou o exame de tódolos centros obreiros clausurados, procedendo seguidamente á queima de “toda a prensa, libros y folletos de propaganda de ideas extremistas, así como la de temas sociales y pornográficos, y en general todos aquellos que, de un modo más o menos claro encierren propaganda reñida con la buena moral, así como los que combatan la religión cristiana y católica, base del sentimiento religioso del pueblo español”. As requisas buscando libros perigosos afectaron tamén a outros centros da cidade, coma o Círculo de Artesanos, incendiando máis de mil libros da súa biblioteca.
En decembro de 1936, a Junta Técnica del Estado promulgou un decreto que declaraba ilícitas tódalas publicacións socialistas, comunistas, libertarias, pornográficas e disolventes, polos males que causaran ata o de entón na sociedade, difundindo nela unha serie de ideas que levaran ao conflito civil. Esta, coas accións antes descritas e as disposicións que seguirían, eran boa mostra da censura e represión cultural imposta polo réxime para eliminar calquera tipo de manifestación que fose considerada máis ou menos próxima á contestación sociopolítica.

Fontes

MARTÍNEZ RUS, Ana, La Persecución del libro. Hogueras, infiernos y buenas lecturas (1936-1951), Ediciones Tres, Xixón, 2014, 24-25, 31. FERNÁNDEZ SANTANDER, Carlos, Historia de las Librerías Coruñesas (1936-1996), Librería Arenas, A Coruña, 1996, 82-84.

Calle Muelle Dársena de Oza, 1D, 15006 A Coruña, La Coruña, España, A Coruña
/ Galicia