Primeiro peche reivindicativo nunha Igrexa en Galicia
O 4 de xuño de 1969 comezaría o primeiro peche reivindicativo documentado nunha Igrexa en Galicia, na capela Xesuítica de Santiago Apóstolo de Vigo. O peche, organizado como protesta ante varios despidos en Citroën, foi artellado en parte polo coadxutor da parroquia de San Martiño de Coia, na casa do cal se celebraran as primeiras xuntanzas das CCOO activas en Barreras. O sacerdote, consiliario da JOC, pediu aos fregueses da súa parroquia que asistisen a misa da unha do día 5 da capela Xesuítica de Santiago Apóstolo, misa que daría por rematado o peche. O obxectivo deste movemento era que a afluencia de xente á misa impedira ás autoridades identificar ou deter ás vinte e cinco persoas que mantiveran o encerro dende a misa das 21h do día 4 de xuño ata as 13h do día 5. Este sacerdote foi tamén o encargado de redactar unha nota sobre o feito, que sería entregada para a súa publicación a Europa Press e publicada en La Voz de Galicia o día 6 de xuño.
Fontes
MARTÍNEZ, Xosé Antonio, A Igrexa antifranquista en Galicia. Análise histórica da crise posconciliar, Ediciós do Castro, Sada, 1995, 38.