Mulleres rapadas en Ponteareas
Un grupo de mulleres de tendencias republicanas e socialistas foron rapadas polos falanxistas e obrigadas a desfilar polas rúas da poboación, humillándoas ante os veciños. Este foi un exemplo de acción de violencia exercida contra as mulleres polo Franquismo polo feito específico de seren mulleres, e que se ha de entender no contexto de brutal represión que se impuxo tralo golpe de Estado, xunto con outras que moitas tamén padeceron –execucións extraxudiciais ou por orde militar, falecementos naturais polas malas condicións dos centros de reclusión, sentenzas a penas de prisión tras procesos xurídicos sen garantías, extorsións económicas ou persecución de familiares– do mesmo xeito que os varóns.
A práctica do rapado estendeuse rapidamente por todas aquelas zonas que quedaron baixo o control dos sublevados desde xullo de 1936, e Galicia non foi unha excepción, podendo identificar casos en puntos diversos do territorio desde finais de mes. Foi precisamente durante aquel verán e nas primeiras semanas do outono, cando aqueles episodios se repetiron con maior frecuencia, aínda que estes non chegaron a desaparecer nin nos anos que durou o conflito bélico nin durante a década dos corenta, neste caso vinculados á cuestión dos fuxidos e da guerrilla. Fora nunha ou noutra época, os perpetradores non variaron: milianos, especialmente falaxistas, e tamén efectivos da Guardia Civil e demáis membros das forzas de orde, que ben executaron directamente ou ben deixaron facer, conscientes da utilidade deste tipo de prácticas para estender o terror pola retagarda e reforzar as identidades dos seus simpatizantes. Canto ás vítimas, as mulleres foron de idades, extraccións sociais e adscricións ideolóxicas diversas. Aínda así, tiveran ou non relación de parentesco ou doutro tipo coas vítimas varóns, sempre foron sinaladas como “mujer roja”, “izquierdista” ou “republicana”.
As crónicas de episodios de rapado noutras localidades como Porriño, Ordes, Cangas, Bueu, Becerreá, Vilagarcía de Arousa, Carril, A Rúa, entre outros lugares de Galicia, permiten esbozar unha escenografía que aínda que no esencial se repite, podía presentar algunhas variacións: rapado total, decisión de deixar algúns cabelos sobre os que se colocaba un lazo ou cinta, pintado de inscricións alusivas á súa suposta ideoloxía, acción de maior ou menor planificación previa, durante a noite ou á luz do día, que frecuentemente era sucedida por un desfile do grupo de mulleres para garantir a súa exposición pública, acompañado por outro tipo de malos tratos, como a obriga de inxerir aceite de rícino. Este abano de prácticas podía levarse a cabo nunha única xornada ou volver ser desenvolto sobre a mesma vítima ou grupo de vítimas de maneira periódica durante certo tempo.
Fontes
PRADA, Julio, “La represión sobre las mueres en Galicia. Algunas Claves interpretativas”, en Jesús de Juana López; Julio Prada Rodríguez (dirs.), Nuevas perspectivas en el estudio de la mujer durante el Franquismo, Sílex Universidad, Madrid, 2017, 130-152. PRADA, Julio, "Escarmentar a algunas y disciplinar a las demás Mujer, violencia y represión sexuada en la retaguardia sublevada", Historia Social, 87, 2017, 67-83.