Fretaxe dun balandro na charca de Coia

Fretaxe dun balandro na charca de Coia

Resistencias civís non organizadasResistencias civís organizadasFranquismo (51-75)

O 8 de febreiro de 1975, veciños do barrio de Coia fretaron unha pequena barca de vela na charca que se formara nun dos ocos que, teoricamente, debería de albergar unha das futuras edificacións da área. Os pasaxeiros da embarcación foron os propios nenos do lugar. Con este acto, recollido ó día seguinte na prensa, os residentes quixeron denunciar algunhas das deficiencias do polígono de vivendas, que á falta de equipamentos e asfaltados, se lles unía a existencia dunha lagoa perigosa e insalubre sobre a que pediran meses antes, como no resto de cuestións, solucións ás autoridades, recibindo como resposta a inacción.
A fretaxe da barca, aínda que poida parecer un episodio case cómico, é ben representativa de accións de protesta e denuncia de baixa intensidade –semellantes aos concursos de caza para mostrar os problemas coas ratas– coas que os veciños de barrios mal dotados e mal planificados evidenciaban publicamente o seu descontento e malestar coas autoridades municipais da Ditadura.

Fontes

MARTÍNEZ, Fátima, Cuando la ciudad latía: el movimiento vecinal en Galicia (1964-1982) [tese de doutoramento], Universidad Complutense de Madrid, Madrid, 2021, 85-86 e 100.

Notas

A fotografía non corresponde co balandro, senón cun dos elementos máis característicos do barrio a día de hoxe, ante a imposibilidade de dar coordenadas específicas.

San Martiño de Coia, Vigo
/ PONTEVEDRA