Folga do Leite
Episodio que tivo lugar en marzo de 1978 enmarcado dentro das “guerras agrarias” que, de xeito recorrente, se produciron en distintos puntos do Estado español durante a década dos setenta, como na Ribeira do Ebro no outono de 1973 (guerra do pemento) e entre 1974 e 1975 (guerra do espárrago), en Estremadura no verán de 1975 (guerra do tomate), en Aragón durante os primeiros meses de 1976 (guerra do millo) ou en Granada e Málaga durante 1977 (guerra das leitugas).
A razón estaba na diferenza dos prezos de compra aos produtores destes alimentos –a miúdo no limiar dos custos ou por debaixo deste– e o prezo de venda ós consumidores. A esta circunstancia había que sumarlle, no contexto dos primeiros meses de 1978, o impacto da crise enerxética no mundo agrario, os esforzos do goberno español por conter a inflación e as inminentes eleccións ás cámaras agrarias, unha oportunidade para que o sindicalismo agrario antifranquista saído da clandestinidade (Comisións Labregas, Sindicato Agrario Galego ou Sociedades Agrarias) fixese visíbeis as súas reivindicacións. A folga, que tivo lugar entre o 7 e o 11 de marzo, supuxo tractoradas e a non entrega do leite por parte dos gandeiros. O seu impacto foi limitado e localizado en zonas concretas: centro e sueste de Lugo, centro e montaña de Coruña, suroeste de Ourense e nordés de Pontevedra. Secasí, constitúe un bo antecedente, xunto co outro anterior a este, en 1967, das “guerras do leite” que colleron forza en Galicia nos oitenta e nos noventa. E, por outro lado, o episodio deu visibilidade a un mundo rural que, como os espazos urbanos industriais, en absoluto permanecía inerme á mobilización social do momento.
Fontes
LANERO, Daniel; CABANA, Ana, "A 'Folga do leite' (1978). Un conflito agrario nos tempos da Transición", en Francisco J. Leira Carballeira; Miguel Cabo (eds.), A xustiza pola man. Violencia e conflitividade na Galicia contemporánea, Edicións Xerais, Vigo, 2021, 242-270. LANERO, Daniel; CABANA, Ana, "Cuando la protesta rural ocupa el asfaltola 'folga do leite' en Galicia (1978)", Investigaciones históricas: Época moderna y contemporánea, 40, 2020, 143-174.
Notas
As coordenadas correspóndense co Concello de Monforte, un dos municipios afectados.