Encontros feministas na Praza de San Xosé
A Praza de San Xosé funcionou como lugar de encontro recorrente para as marchas do feminismo pontevedrés durante a segunda metade dos anos setenta. Neste lugar documéntanse encontros como o organizado polo Movemento Democrático da Muller o 6 de novembro de 1976, para a súa presentación pública na provincia: acudiron unhas oitocentas persoas, que logo marcharon de xeito pacífico cara ó Goberno Civil, tras ter este prohibido o acto. Fronte á Caixa Rural, iniciouse a manifestación impulsada pola Asociación Galega da Muller, en repulsa do xuízo por adulterio contra Emilia Díaz Bua (natural de Vilaxoán, Vilagarcía de Arousa) o 19 de decembro de 1976, un dos últimos por aquel delito, e que resultou na condena a unha multa e seis meses de prisión menor. A aquela marcha acudiron unhas duascentas mulleres e cincuenta homes. Así mesmo, a marcha do 8 de marzo de 1978 iniciouse na praza.
Fontes
SANTOS, Nanina; QUEIZÁN, María Xosé; OCAMPO, Luísa; CES, Lupe, Historia do movemento feminista galego. Debate feminista na Casa das Mulleres Xohana Torres, 18/04/2018, http://tm.santiagodecompostela.gal/es/actividades/historia-do-movemento-feminista-galego-debate-feminista-na-casa-das-mulleres-xohana, 14/08/2022. "O 'MDM' protesta pola suspensión dun acto público, en Pontevedra", La Voz de Galicia, 9/11/1976, 37. COORDINADORA NACIONAL DE ORGANIZACIÓNS FEMINISTAS, "1978 [8 de marzo]", Revista Andaina, 17, 3/1989, 4-5, http://consellodacultura.gal/mediateca/extras/CCG_ig_pub2000_Andaina-I_17.pdf, 14/08/2022. "200 mujeres y 50 hombres se manifestaron el domingo en Pontevedra, contra el delito de adulterio y a favor del divorcio", La voz de Galicia, 21/12/1976, 14. "La Asociación Galega da Muller condena el juicio de Pontevedra", La Voz de Galicia, 4/12/1976, 47.