Edición clandestina de “Alborada”
No ano 1966 editouse e distribuíuse en Vigo o primeiro número da revista “Alborada”, pioneira da prensa clandestina feminista galega, vinculada co Movemento Democrático de Mulleres (agrupación vencellada ó Partido Comunista). Tralo proxecto destaca a figura de Palmyre Ros, comunista francesa que chega a Vigo no 1963. Ros foi detida no 1966 na Alianza Francesa, onde impartía aulas, acusada de propaganda ilegal, motivo polo que, quizais, malia terse editado un segundo número, este nunca chegou a distribuírse.
Catro anos despois, o boletín atopa continuidade na clandestinidade coruñesa, onde se editou ata o 1972, centrando as súas páxinas en información sindical xeral, con atención particular ós feitos de Ferrol de 1972, os dereitos das traballadoras e as reivindicacións das mulleres en cuestións como a sanidade, a planificación familiar, os labores domésticos ou o acceso ó mundo laboral. Paralelamente, o Movemento Democrático de Mulleres de Vigo, edita entre o 1971 e o 1976 a revista “A Muller e a Loita”, voceiro da organización, para o cal toma a cabeceira da antiga “Alborada”.
Fontes
GURRIARÁN, Ricardo, Palmyre Ros e a Revista Alborada (Vigo, 1966): un proxecto pioneiro da prensa clandestina de mulleres, Fundación 10 de Marzo, Santiago de Compostela, 2020. CONSELLO DA CULTURA GALEGA, Hemeroteca A Saia: publicacións periódicas feministas e LGTBIQ+, Alborada, 2016, http://consellodacultura.gal/fondos_documentais/hemeroteca/cabeceira/index.php?p=4439&id=7050 https://www.ub.edu/adhuc/ca/publicacions/saia/alborada-organo-mujer-democratica http://consellodacultura.gal/fondos_documentais/hemeroteca/cabeceira/index.php?p=2005&id=7050, 28/09/2022. CONSELLO DA CULTURA GALEGA, Hemeroteca A Saia: publicacións periódicas feministas e LGTBIQ+, A Muller e a Loira, 2016, http://consellodacultura.gal/fondos_documentais/hemeroteca/cabeceira/index.php?p=2005&id=7050, 28/09/2022. ADHUC–Centre de Recerca Teoria, Gènere, Sexualitat, Alborada. Órgano de la Mujer Democrática, 2020, https://www.ub.edu/adhuc/ca/publicacions/saia/alborada-organo-mujer-democratica, 28/09/2022.
Notas
As coordenadas correspóndense coa sede da Alianza Francesa en Vigo, á que Palmyre Ros estaba vinculada.