Destacamento penal das Minas de Fontao

Destacamento penal das Minas de Fontao

GuerrillaDestacamentos penaisPosguerra (39-51)

O Noroeste peninsular ibérico cobrou, nos anos da Segunda Guerra Mundial, unha gran importancia como zona de extracción de volframio, mineral fundamental para reforzar as aliaxes do aceiro, e, polo tanto, empregado no reforzo da blindaxe das unidades de combate e nas pezas de artillería, así como na fabricación de proxectís. Por esta razón, e aínda que existían antecedentes previos, logo de estourar o conflito, alemáns, británicos e estadounidenses afanáronse por incrementar a adquisición deste mineral. A zona mineira do Fontao era, no referido ao volframio, unha das máis produtivas da área galega, e dende logo, a que máis medios técnicos reuniu e máis beneficio reportou durante o período bélico. Ata 1941, a maior parte da produción foi vendida a alemáns e italianos, e foi ao longo deste ano cando o groso dela acabaría pasando a mans inglesas. O problema da falta de man de obra cualificada ante o progresivo aumento da demanda, levou a que as empresas explotadoras e o sistema penitenciario franquista chegasen ao acordo de crear destacamentos penais, maioritariamente conformados por presos políticos, cos que redimir as penas por traballo, comezando Fontao a facelo en maio de 1940. Con todo, destacamentos penais como este, xunto con outros coma o de Casaio (Carballeda de Valdeorras, Ourense), tamén foron núcleos nos que o trato de presos en condición de semiliberdade con outros traballadores libres, se comecen a poñer en marcha organizacións políticas que permitan o rexurdimento da loita antifranquista, cando non centros de apoio e promoción da actividade guerrilleira.

Estado

Musealizado.

Fontes

FERNÁNDEZ, Eliseo; CASTRO, Diego; REVILLA, Javier; RODRÍGUEZ, Alejandro, “¡Oro negro! La lucha por el volframio ibérico”, en Emilio Grandío e Javier Rodríguez, War Zone: la Segunda Guerra Mundial en el Noroeste de la Península Ibérica, Eneida, Madrid, 2012, 243-324. LOSADA ÁLVAREZ, María Xosé, "O traballo forzado na expansión da minería de volframio na Galiza da posguerra (1939-1943)", Claridade, 1, 2006. CONCELLO DE VILADECRUCES, Museo de la Minería de Fontao, 2022, https://viladecruces.es/museo-fontao/, 14/10/2022.

Notas

As coordenadas refírense ao antigo poboado mineiro, hoxe rehabilitado e habitado.

Santiago de Fontao, Vila de Cruces
/ PONTEVEDRA