Conflitividade obreira da Empresa Nacional Bazán de Construcciones Navales Militares

Conflitividade obreira da Empresa Nacional Bazán de Construcciones Navales Militares

Resistencias civís organizadasFranquismo (51-75)

A factoría de Bazán en Ferrol foi un importante núcleo de conflitividade obreira nos anos finais da ditadura. Xa a finais da década dos sesenta, Bazán vivía un aumento de conflitividade articulado en torno a unha forma de organización que se abría paso nas factorías: a Comisión Obreira. A finais de 1966 e principios de 1967, sufrindo unha diminución da carteira de pedidos que afectaba aos seus rendementos, a dirección da empresa anunciou o despido de 1200 traballadores da sección de Obras Civís e 62 aprendices. Ante isto, os traballadores elixiron de xeito asembleario enlaces das Comisións Obreiras para representar os seus intereses ante as autoridades sindicais e laborais da provincia, acudindo incluso ao Ministro de Traballo en Madrid. O 16 de xaneiro de 1967, CCOO convocou unha manifestación de apoio aos traballadores de Obras Civiles, na que aos 3000 traballadores de Bazán se sumaron en solidariedade cos obreiros de Astano, Pysbe e outras empresas. Presenciouse a creación de caixas de resistencia e a recollida de cartos para os folguistas, que lograron os seus obxectivos. Nova Galicia, revista do PCG, recollería o conflito no seu número do primeiro semestre de 1967 baixo o título ‘Ferrol no es del Caudillo’. A década dos setenta levaría á cume as tensións. Os enlaces sindicais de Bazán, cunha importante presencia de CCOO, reclamaban xa en setembro de 1971 que o convenio colectivo do seguinte ano fora de ámbito local ou de fábrica, xa que os xurados das outras factorías Bazán (Cádiz e Cartaxena) estaban conformados por membros do sindicato vertical. Secasí, a presidencia do Sindicato Nacional do Metal anunciaba en xaneiro que o convenio sería interprovincial, aplicábel ás tres fábricas, e que as deliberacións para o mesmo comezarían o 27 de xaneiro de 1972. A pesar dos movementos dos enlaces sindicais de Ferrol -como pedir iguais representantes para Ferrol que para as dúas outras factorías xuntas, solicitar o aprazamento da reunión, presentación dun recurso contra a decisión- a resposta foi a mesma: o convenio sería interprovincial e, de negarse a factoría a participar, simplemente non se contaría coas súas posturas. Así, dende o día 12 de febreiro de 1972, a negociación tomou forma de conflito, comezando as asembleas por talleres a consensuar paros e boicots. Os días 2, 3 e 4 de marzo convocouse unha folga, decisión das asembleas de tres mil traballadores que se reunían na explanada da factoría. O día 7 de marzo anunciouse a sinatura do convenio interprovincial sen contar, efectivamente, coas posturas da factoría de Ferrol. O día 9 o paro na fábrica era xa total e a empresa anunciou a suspensión de emprego e soldo a vocais xurados e enlaces de CCOO. Con este caldo de cultivo, o día 10 de marzo unha manifestación pacífica de catro mil obreiros dirixíase á cidade a través da Ponte das Pías. Nas inmediacións da praza na que hoxe está situada a Porta Nova topáronse coa Policía Armada e produciuse un enfrontamento que deixaría máis de corenta feridos de bala e dous mortos, Amador Rey e Daniel Niebla. Ao coñecerse a noticia, Ferrol paralizouse en solidariedade, pechando os comercios, centros de ensino e de traballo. A solidariedade, tanto o día 10 coma nos días seguintes, estendeuse en forma de paros en Vulcano, Barreras ou Citroën en Vigo, entre outros, e superou o ámbito galego con xestos similares en Madrid, Barcelona e diversas cidades industriais de Euskadi e Andalucía.

Estado

Conmemorado mediante monumento, inaugurado en 1990.

Fontes

GÓMEZ, José, As CCOO de Galicia e a conflictividade laboral durante o franquismo, Edicións Xerais, Vigo, 1995, 100 e segs e 155 e segs. PILLADO, Rafael, "Monumento al 10 de marzo, símbolo de la clase obrera gallega", Galicia Ártabra, 07/11/2021, https://www.galiciaartabradigital.com/archivos/248318, 06/09/2022. GÓMEZ, José, O 10 de marzo: unha data na historia, Fundación 10 de marzo, Santiago de Compostela, 1993. SANTIDRIÁN, Víctor Manuel, Historia de Comisións Obreiras de Galicia nos seus documentos, Ediciós do Castro, Sada, 1996, 69 e segs. LAGO, Pedro, "La construcción cultural de la acción colectiva de los trabajadores durante el franquismo. Un estudio de caso", Historia y Política: Ideas, procesos y movimientos sociales, 13, 2005, 121-142. "Un estandarte para el movimiento sindical de Ferrolterra", La Voz de Galicia, https://www.lavozdegalicia.es/noticia/ferrol/2007/08/04/estandarte-movimiento-sindical-ferrolterra/0003_6035075.htm, 08/11/2023.

Rúa Ares, 4, 15401 Ferrol, A Coruña, España, Ferrol
/ Galicia