Colonia penitenciaria da Illa de San Simón
A illa de San Simón, conformada realmente por dúas illas –San Simón e San Antonio– unidas por unha ponte, foi durante o século XIX lugar de retención dos enfermos procedentes das colonias de ultramar ata que aqueles superasen a enfermidade. Reconvertido en centro de reclusión por orde de Severiano Martínez Anido e inaugurado o 1 de outubro de 1936, acollería presos ata 1943, cando foi clausurado. Durante este tempo, calcúlase que chegou a albergar un total de seis mil persoas contrarias ao réxime ditatorial, procedentes das zonas próximas como Vigo ou Pontevedra, pero tamén de Asturias ou País Vasco. Ás pésimas condicións de vida que soportaron, hai que engadirlle as frecuentes sacas, previas ás execucións no continente.
Fontes
CAEIRO, Antonio; GONZÁLEZ, Juan; SAÁ, Clara María, Aillados. A memoria dos presos de 1936 na Illa de San Simón, Ir indo Edicións, Vigo, 1995. MOSQUERA, Evaristo, Catro anos a bordo dunha illa: memoria dun preso en San Simón, A Nosa Terra, Vigo, 2006. AMOEDO, Gonzalo; GIL MOURE, Roberto, Episodios de terror durante a Guerra Civil na provincia de Pontevedra. A illa de San Simón, Xerais, Vigo, 2007.