Asociacionismo veciñal en Palavea

Asociacionismo veciñal en Palavea

Resistencias civís organizadasFranquismo (51-75)Transición (75-78)

A asociación de veciños de Palavea, aínda que legalizada en 1978, apareceu en 1976, bebendo da tradición asociativa preexistente a partir do cristianismo progresista de grupos como Meu Lar e co gallo dos problemas xurdidos polo crecemento demográfico do barrio coa construción das vivendas de Santa Cristina, de protección oficial, durante os anos sesenta e setenta. Os asociados comezaron a esixir melloras na calidade das vías, asfaltado, servizo de abastecemento de augas, demandar unha pasarela que permitira cruzar a avenida Alfonso Molina sen risco de atropelos, así como a reivindicación de vivendas para parellas novas e dun servizo de gardaría que finalmente frutificaría na escola municipal Os Cativos. Pulouse tamén pola dinamización cultural do barrio organizando ou propoñendo diversas actividades, dende a celebración do Entroido a propostas como a organización dunha biblioteca ou de cursos de lectoescritura. Moi vinculada ao espazo das vivendas de Santa Cristina, as asembleas e reunións da asociación realizábanse en distintos lugares, mais eran recorrentes os antigos barracóns de madeira que facían tamén ás veces de escola e nos que, os domingos, se celebraba misa.

Fontes

ASOCIACIÓN VECIÑAL OS NOSOS LARES, Asociación veciñal "Os nosos lares" de Palavea, 2022, https://palavea-os-nosos-lares.negocio.site/?utm_source=gmb&utm_medium=referral#posts, 17/08/2022. GURRIARÁN, Ricardo (coord.), A cultura e o asociacionismo cívico na Coruña. Entre a oficialidade e a resistencia (1939-1979), Fundación 10 de marzo, Santiago de Compostela, 2019, 242 e segs.

Notas

As coordenadas refírense ao Centro de Educación Preescolar "Os Cativos", impulsado polo asociacionismo de Palavea.

Lugar de Palavea Vieja, 2D, 15174 A Coruña, La Coruña, España, A Coruña
/ La Coruña