Asociacionismo veciñal en Oza
O nacemento da asociación de Oza-Gaiteira-Os Castros sitúase arredor do ano 1975. O feito de ser unha das poucas asociacións que non contaba co apoio da Igrexa do barrio – onde moitas veces tiñan lugar as asembleas – fixo que, en moitas ocasións, os seus membros celebraran multitudinarias asembleas na rúa. Entre as primeiras grandes reivindicacións da asociación están a loita por certos terreos para construír o colexio público Sal Lence, a loita pola conservación da desaparecida Praia do Lazareto ou o desvío de camións cisterna de CAMPSA que atravesaban o barrio na súa ruta. Reivindicacións principais foron, tamén, aquelas vinculadas á humanización básica do barrio como a construción de zonas de lecer e zonas verdes, con actuacións como a plantación de árbores por parte dos nenos e nenas do barrio con axuda dos traballadores municipais. Ademais da vertente reivindicativa, a Asociación fixo unha importante labor de xeración de comunidade a través do lecer, por medio de actividades coma o xadrez, practicado por multitude de nenos do barrio a finais dos 70, a celebración de festas como o Entroido ou as actuacións na rúa do grupo de música e baile Xebre. Os veciños mobilizados na asociación, que se contaban na época por un mínimo de 600 chegando en certos momentos aos mil afiliados, conseguiron tamén a creación de espazos verdes, o parque Europa e o parque de San Diego, e reivindicaron a conservación do patrimonio arquitectónico e natural do barrio fronte ao abandono e a especulación. A asociación segue activa en 2022.
Fontes
"El solar de Sal-Lence no cumple los fines sociales para los que fue donado. Los vecinos de La La Gaiteira-Los Castros reivindicarán su devolución al barrio para dedicarlo a escuela y gusrdería", La Voz de Galicia, 22/05/1977, 39. GURRIARÁN, Ricardo (coord.), A cultura e o asociacionismo cívico na Coruña. Entre a oficialidade e a resistencia (1939-1979), Fundación 10 de marzo, Santiago de Compostela, 2019. ASOCIACIÓN VECIÑAL OZA, A GAITEIRA, OS CASTROS, Rede Oza, 2022, https://www.redeoza.org/, 01/10/2022.