Asociacionismo veciñal en Atochas-Montealto

Asociacionismo veciñal en Atochas-Montealto

Resistencias civís organizadasTransición (75-78)

A asociación de veciños de Atochas-Monte Alto acadou a súa legalización en 1977, aínda que xa está documentada a súa actividade, polo menos, dende un ano antes. O ámbito, neste caso, superaba o do barrio singular, agrupando varios barrios nunha asociación pola súa proximidade e pola vontade dos veciños de actuar de xeito conxunto. A asociación articulábase en comisións de traballo e chegou a ter máis de mil membros. Nos inicios da mesma hai que destacar a importancia do PCG, de gran implantación na zona e lugar de militancia de moitos membros; así se explica que os tres primeiros presidentes -Antonio Remeseiro, Narciso Torreiro e Elena Seisdedos- foran tamén militantes do PCG. Nos seus primeiros anos de vida, a Asociación levou a cabo un intenso labor para a mellora da vida dos veciños de Atochas-Monte Alto, incluíndo a denuncia das condicións das vivendas (os arcóns) de Orillamar, a loita pola consecución da traída de auga ás casas, a pavimentación de rúas ou a instalación de puntos de luz, entre outros.

Fontes

GURRIARÁN, Ricardo (coord.), A cultura e o asociacionismo cívico na Coruña. Entre a oficialidade e a resistencia (1939-1979), Fundación 10 de marzo, Santiago de Compostela, 2019, 239 e ss. MARTÍNEZ, Fátima, Cuando la ciudad latía: el movimiento vecinal en Galicia (1964-1982) [tese de doutoramento], Universidad Complutense de Madrid, Madrid, 2021, 132-134.

Notas

Por non contar cunha localización máis precisa, as coordenadas (e a fotografía) refírense ao Parque de Marte, pertencente a Montealto.

Atochas e Monte Alto, A Coruña
/ A CORUÑA