Antiga sede do Seminario de Estudos Galegos
O Seminario de Estudos Galegos fundouse en 1923 da man dun grupo de estudantes universitarios, entre os que destacaron, entre outros, Fermín Bouza Brey, Xosé Filgueira Valverde, Lois Tobío e Ramón Martínez López. Cunha clara vontade galeguista, o seu principal obxectivo era a formación de investigadores sobre os diversos aspectos da realidade galega, destacando inicialmente a área das Humanidades, e logo ampliando o foco ás Ciencias Sociais e Naturais. Amais do núcleo fundador, foron figuras destacadas do seminario Losada Diéguez, Vicente Risco, Castelao, Ramón Otero Pedrayo, Florentino López Cuevillas, Ricardo Carballo Calero, Francisco Fernández del Riego ou Luis Seoane.
Entre as súas actividades destacou a elaboración dun ficheiro bibliográfico e dun vocabulario galego, a catalogación de castros e petróglifos, documentación medieval, a creación dun arquivo gráfico, así como estadías de investigación no estranxeiro, seminarios de formación, cursos especializados e divulgativos.
Logo do golpe de Estado de 1936, a institución foi desarticulada e máis dun terzo dos seus socios activos sufriron a represión dos sublevados, sendo apartados da carreira docente e investigadora (Otero Pedrayo, Ramón Fraguas), véndose forzados ao exilio (Ramón Martínez López e Lois Tobío), ou incluso, asasinados (Ánxel Casal, Víctor Casas, Camilo Díaz Baliño). En 1944, fundouse o Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento, dependente do CSIC e co patrimonio do Seminario. A finais da década dos setenta, por iniciativa de Isaac Díaz Pardo, tentouse un proxecto de recuperación da institución, aínda que acabou esmorecendo.
Estado
Hai unha pequena placa, con referencias aos distintos usos que tivo o edificio, pero sen entrar en detalles sobre a importancia e o desamantelamento do Seminario.
Fontes
MATO, Alfonso, O Seminario de Estudos Galegos, Ediciós do Castro, Sada-A Coruña, 2001.