Pazo de Meirás

Pazo de Meirás

Patrimonio e memoriaGuerra Civil (36-39)Posguerra (39-51)Franquismo (51-75)Transición (75-78)

En 1937 o gobernador civil da Coruña, Julio Muñoz, e Pedro Barrié de la Maza, por aquel entón vicepresidente de Banco Pastor, impulsaron a creación dunha Junta Provincial pro Pazo que, nos meses seguintes, iniciou unha campaña de recolección de fondos na que participaron destacadas autoridades fascistas e alcaldes franquistas como Alfonso Molina e Álvarez de Sotomayor. A campaña, que chegou a recoller máis de 400 000 pesetas –incluíndo ‘doazóns’ de veciños de múltiples concellos tras visitas de patrullas de Falange– tivo o obxectivo de mercar o Pazo de Meirás como agasallo para o ditador en calidade de xefe do Estado. A doazón faríase efectiva cun acto de aceptación por parte de Franco o 5 de decembro de 1938. A finca engadiríase ao patrimonio privado do ditador a partir dun contrato fraudulento de compravenda firmado no ano 1941 que pretendía evitar que o pazo pasara a formar parte do Patrimonio Nacional –tal como ditaba a lei do 7 de marzo de 1940– por ter sido doado ao xefe do estado. Así, como aparente dono persoal do pazo, o ditador gozou del como a súa residencia de verán ao longo da súa vida e legaríallo aos seus familiares, que seguiron facendo uso da propiedade trala súa morte. No contrato fraudulento de compravenda que permitiría isto tería mediado tamén Barrié de la Maza, xa presidente de Banco Pastor dende 1939 e presidente de FENOSA dende 1941. Barrié de la Maza tería financiado tamén ao bando nacional durante a guerra e sería nomeado Conde de Fenosa, título ideado polo Caudillo especialmente para el, en 1955.
O fraudulento da compravenda que en 1941 lle deu a propiedade persoal do pazo ao ditador, así como as conexións de dita cesión con figuras como Barrié, saíron á luz por mor da demanda imposta polo Estado á familia Franco para a recuperación de Meirás, que resultou na sentencia por parte do Xulgado de Primeira Instancia da Coruña, do 2 de setembro de 2020, que ditaminaba a devolución da propiedade ao patrimonio público.

Estado

Recuperado para o patrimonio público e con posibilidade de facer vistias.

Fontes

PÉREZ, Manuel; BABÍO, Carlos, Meirás: Un pazo, un caudillo, un espolio, Fundación Galiza Sempr, A Coruña, 2017. PARDO, Miguel, "O brazo financeiro e burócrata do espolio franquista de Meirás", praza.gal, 13/07/2022, https://praza.gal/politica/o-brazo-financeiro-e-burocrata-do-espolio-franquista-de-meiras, 07/09/2022. PÉREZ, Julia, "Las siete claves que obligan a los Franco a devolver el Pazo de Meirás", Público, 02/09/2022, https://www.publico.es/politica/siete-claves-obligan-franco-devolver-pazo-meiras.html, 07/09/2022. CORTIZO, Gonzalo, "Golpe a los Franco: la jueza declara que el Pazo de Meirás pertenece al Estado y ordena su devolución", El Diario, 02/09/2022, https://www.eldiario.es/galicia/politica/golpe-franco-jueza-declara-pazo-meiras-pertenece-ordena-devolucion_1_6195470.html, 07/09/2022.

San Martiño de Meirás, Sada
/ A CORUÑA