Montes de Lobeira e Xiabre
Os montes de Lobeira e Xiabre, así como as casas da súa contorna, foron, durante a Guerra Civil, importantes lugares de ocultación de fuxidos e desertores, o que obrigou ao Exército e ás milicias falanxistas a levar a cabo intervencións en diversas ocasións. En 1938, a Comandancia da Guardia Civil de Pontevedra deu conta da gran cantidade de fuxidos nestas áreas montañosas, ao mesmo tempo que, baseándose na falta de gardas civís para levar a cabo unhas operacións de tal calado, propuxo a creación de pequenos destacamentos do Exército baixo o mando da Guardia Civil en Vilagarcía, Vilanova, Caldas de Reis, Catoira e Paradela. Entre as partidas guerrilleiras máis importantes, destacaron a do confederal Rodrigo Beruete (“Almudo El Gitano”), a do comunista Ramón Díaz Hermo e a do desertor Serafín Nogueira Santorum “Baleiro”.
Fontes
FERNÁNDEZ, Eliseo; PEREIRA, Dionisio, A primeira resistencia armada ao golpe militar na Galiza (1936-1940), Em Selecta Companha, Santiago de Compostela, 2022, 77-78, 99 e 100-101.
Notas
As coordenadas correspóndense cun punto do Monte de Lobeira, localizado no concello de Vilagarcía de Arousa.