Mobilizacións nos arredores da Catedral de Santiago de Compostela
A praza do Obradoiro e os seus arredores -Prazas de Praterías e Quintana- foron un lugar común de mobilización e reivindicación sociopolítica a finais do Franquismo e durante a Transición, arredor das formas e temáticas máis diversas. Así, en novembro de 1969, catro rapaces de entre dezanove e vinte anos son detidos por “xogar” coas coroas de loureiro que o día anterior foran colocadas aos pés da Cruz dos Caídos. Segundo a causa xudicial, pasáronas duns a outros a patadas, colgándoas logo nos farois e incluso, nun semáforo. Estes actos valéronlles, ao considerarse unha ofensa contra os “Caídos por Dios y por España”, unha pena a cada un de dous meses de arresto maior e unha multa de cinco mil pesetas.
A ocupación e peche en igrexas como estratexia reivindicativa, unha práctica estendida nos conflitos de finais da ditadura, chegou ata a catedral de Santiago. O 26 de novembro de 1970, en solidariedade cos traballadores mobilizados no conflito de MEGASA, uns douscentos estudantes ocuparon o templo. Non so o templo foi lugar de peches. O 10 de outubro de 1978, dende as oito da tarde, un centenar de mulleres pecháronse no Concello de Santiago como acto de solidariedade con aqueloutras once que serían xulgadas o día 26 dese mesmo mes en Bilbao por realizar abortos clandestinos. Durante o acto, tamén se levou a cabo unha reunión para reflexionar sobre a loita para a despenalización do aborto e a amnistía polas presas por eses delitos.
En febreiro de 1978, celébrase en Compostela unha manifestación contra o Proxecto Gobernamental do divorcio, convocada pola AGM e a ADMG, que remata na Praza do Obradoiro. Durante a marcha, as manifestantes foron agredidas por un grupo de xuventudes de ultradereita sen que a policía chegase a intervir. O Goberno Civil da Coruña sancionou con multas ás asinantes da solicitude elaborada contra o proxecto do divorcio por “alteración da orde pública”. Tamén no Obradoiro se concentrou unha multitude de aproximadamente millar e medio de persoas durante o acto de constitución oficial da Xunta de Galicia, o 19 de abril de 1978, que tivo lugar no Pazo de Xelmírez. Os manifestantes reivindicaban unha ‘Xunta obreira’ e o dereito de autodeterminación, ademais de amosar a súa solidariedade cos traballadores de Ascón, en conflito naquel momento.
O Obradoiro e os seus arredores foron tamén o centro principal de mobilización no 25 de xullo de 1978, Día do Apóstolo e Día da Patria Galega. En pleno debate constitucional, diversas convocatorias confluíron nos arredores do Obradoiro para reivindicar a autonomía de Galicia ou o dereito de autodeterminación. Ata quince mil persoas puideron coincidir na praza, convocadas por diversos partidos, asociacións e sindicatos.
Fontes
ABAL, Francisco, Arelas de liberdade na Galiza: galegos perante o Tribunal de Orde Pública, Edicións Laviovento, Santiago de Compostela, 2017, 112-113. "Tres jóvenes detenidos en Santiago", La Voz de Galicia, 22/11/1969, 18. "Delito contra las leyes fundamentales", La Voz de Galicia, 26/06/1970, 4. MARTÍNEZ, Xosé Antonio, A Igrexa antifranquista en Galicia. Análise histórica da crise posconciliar, Ediciós do Castro, Sada, 1995, 24. "Cerca de un centenar de estudiantes compostelanos se recluyeron ayer tarde en la catedral", La Voz de Galicia, 27/11/1970, 11.COMISIÓN DE IGUALDADE DO CONSELLO DA CULTURA GALEGA. "Transcripción do manifesto orixinal sobre o peche contra o Xuízo das 11 de Bilbao",