Mobilización veciñal no barrio de Caranza
A Avenida de las Pías, unha das principais vías de acceso á cidade de Ferrol, era un punto negro por producírense nela frecuentes atropelos, en moitos casos de nenos e nenas, debido á falta de pasos de peóns, semáforos, pasos subterráneos ou pasos elevados. A veciñanza afectada decidiu emprender distintas accións de protesta, que xa, en 1976, os levou a protagonizar a primeira manifestación autorizada trala promulgación da Ley de Reunión y Manifestación. Á altura de setembro de 1977, un novo atropelo, unha nena de once anos, volveu reactivar as protestas. A asociación de veciños de Caranza, aínda ilegal, en colaboración coas asociacións de pais dos tres colexios da zona, organizou o corte temporal da rúa, unha asemblea aberta, así como o peche dos centros educativos e do comercio no día no que se produciu unha grande manifestación coa participación de oito mil persoas que coincidiu co enterro da nena falecida. Finalmente, levouse a cabo outra asemblea na que tomaron a palabra distintos membros da asociación, e incluso, o propio alcalde. Unhas semanas máis tarde, a veciñanza do barrio de Catabois, afectada polo mesmo problema en relación a outra vía de entrada á cidade, decidiu seguir o exemplo do barrio de Caranza con accións similares.
As iniciativas da veciñanza destes barrios ferroláns son bo exemplo da crecente mobilización que en poboacións de todo o Estado, como resultado dunha expansión mal planeada e deficitaria en equipamentos, infraestruturas e servizos de todo tipo, se fixo evidente nos anos da Transición coma unha mostra máis do espertar da sociedade civil.
Fontes
MARTÍNEZ, Fátima, Cuando la ciudad latía: el movimiento vecinal en Galicia (1964-1982) [tese de doutoramento], Universidad Complutense de Madrid, Madrid, 2021, 139-140 e 230.
Notas
Por non contar cunha localización máis precisa, as coordenadas refírense a un punto da Avenida das Pías za zona de Caranza.