Mobilización veciñal en Vilagarcía de Arousa

Mobilización veciñal en Vilagarcía de Arousa

Resistencias civís organizadasTransición (75-78)

Os concellos da ría de Arousa foron frecuentes escenarios, nos últimos anos do Franquismo e durante a Transición, dunha crecente mobilización cívico-social cada vez máis combativa coa Ditadura. Vilagarcía de Arousa, cuxa veciñanza comezara a protagonizar tímidas mostras de desencanto para comezos dos anos setenta como reacción á deficiente xestión municipal á hora de dotar ás zonas rurais dos servizos, equipamentos e infraestruturas máis básicos –sufrindo un contexto de desatencións crónicas e precariedade cotiá homologable aos residentes de barrios tradicionais e de nova creación do resto de vilas e cidades de Galicia e do resto do Estado– e os plans desarrollistas do réxime no turístico –e fundamentalmente, no industrial– que ameazaban un modo de vida baseado no sector da pesca e do marisqueo, experimentou nas semanas que seguiron á morte do ditador unha vaga de mobilizacións e protestas sindicais que se viron aparelladas do agromar de distintas asociacións veciñais nas áreas rurais da poboación.
Estas novas entidades –Vilaxoán (xuño de 1976, sendo unha das primeiras legalizadas de Galicia), Bamio (xuño de 1976), Trabanca Sardiñeira (agosto de 1976), Santa María de Rubiáns (febreiro de 1978), Zona Xunqueira (xaneiro de 1979), Nosa Señora da Xunqueira (febreiro de 1979), San Miguel de Trabanca Badiña (marzo de 1979), Golpilleira de A Torre (abril de 1979) e Santiago Apóstolo de Carril (xuño de 1979) entre outras creadas nos restantes concellos arousáns durante a época da Transición– en boa medida impulsadas pola militancia antifranquista, pretendían ser un mecanismo que lles permitiría familiarizar aos veciños con toda unha serie de hábitos de organización e reivindicación –organización de asembleas, debates, votacións para decidir sobre actuacións específicas ou elixir representantes, pero tamén reunión coas autoridades públicas ou participación en concentracións e manifestacións– cos que, ademais de procurar as melloras máis básicas nos barrios e parroquias –garantía do servizo de auga corrente, alumeado público, asfaltado de camiños, liña telefónica, instalacións escolares, culturais, deportivas e de ocio, etc.–, adquirirían, por medio do seu recorrente e cotián exercicio, unha conciencia cívica que os tornaría unha forza protagonista na ruptura coa Ditadura e no paso á democracia. O xurdimento de propostas políticas por parte dos mesmos actores que estaban a impulsar o movemento veciñal, concretadas en plataformas como a Asamblea Democrática de Arousa (ADA) ou a iniciativa “Por uns axuntamentos galegos e democráticos” quedaron finalmente afogadas do mesmo xeito que unha boa parte dun movemento veciñal que, logo da aprobación da Constitución e a súa posta en marcha, veu que a democracia que contribuíra a conquistar non era tan radical e ambiciosa como esperaba.
O caso vilagarcián, e en termos máis amplos, o arousán, constitúe un exemplo representativo de que as actuacións de todos aqueles protagonistas do que se veu en denominar “movemento cidadán” non foi exclusivo das grandes capitais do Estado, senón que tamén tivo as súas manifestacións en núcleos urbanos de menor tamaño, e incluso rurais, que expresaron un dinamismo nada desprezable.

Fontes

FRIEIRO, Javier, "Ribainsa Uno. Movemento veciñal e mobilización democrática nos anos da Transición en Vilagarcía de Arousa", en Emilio Grandío Seoane (coord.), Pasado arrincado. Lugares de memoria democrática en Galicia, Editorial Galaxia, Vigo, 2024, 353-433.

Notas

A localización correspóndese co edificio Ribainsa Uno, cuxa construción se iniciou en 1968 e que na época, por ser un dos primeiros edificios que rompía amplamente coas alturas tradicionais do resto de edificacións da vila, foi considerado pola oficialidade como un perfecto símbolo do progreso e do gran desenvolvemento que Vilagarcía acadaría nos anos seguintes, ao abeiro das políticas desarrollistas da Ditadura. Do mesmo xeito, privaría da vista ao mar a unha parte da veciñanza de Carril, parroquia vilagarciá no que se localiza, sumando un novo agravio aos da listaxe que fora medrando como resultado da irracional xestión municipal das autoridades locais.

Santa Baia de Vilagarcía. Avenida Rosalía de Castro, 121, Vilagarcía de Arousa
/ PONTEVEDRA