Mobilización pola defensa, fronte ao bispo ourensán, duns curas nas parroquias de Ribadavia
As igrexas foron testemuña da labor de numerosos cregos que, seguindo as fendas abertas polo Concilio Vaticano II, apostaron por un apostolado social, comprometido coa veciñanza e incluso partidario dun cambio de réxime.
Foi o caso do acontecido nas igrexas parroquiais de San Domingos de Ribadavia e de San Cristovo de Regodeigón, ás que foran destinados tres cregos con este perfil: Virxilio Rodríguez Silva, Xosé Benito Sieiro e Miguel Fernández Grande; este último estaría posteriormente implicado na fundación do Sindicato Agrario Galego. Aqueles sacerdotes, que foran destinados en setembro de 1967 ás parroquias mencionadas, estaban implicados na liña de renovación e compromiso social que asumiu unha parte da Igrexa tras o Concilio Vaticano II. Como tal, no seu paso polas parroquias de Ribadavia rexeitaron cobrar polos servizos eclesiásticos e instalarse na casa parroquial, mentres que levaban a cabo unha labor comunitaria e social, incluíndo a formación dun club parroquial que sería xermolo da Asociación Cultural Abrente. Asemade, estas posturas de renovación e compromiso social leváronos a colaborar con persoas e nacentes organizacións partidarias dun cambio de réxime político e económico. En consecuencia, os tres sacerdotes sentiron de cerca a vixilancia do bispo Tremiño, quen lles ordenou levar sotana e lles denegou os permisos solicitados polos cregos para dar misa en galego. A Guardia Civil chegou a asistir ás homilías para comprobar o seu contido e visitar e interrogar en varias ocasións aos sacerdotes. Ante o anuncio do cese dos mesmos, o 14 de xullo de 1969, a veciñanza de Ribadavia mobilizouse. Entre outras accións, fixo chegar un escrito ao bispo Tremiño firmado por mil seiscentas persoas, o 90% da poboación adulta da vila. Tras coñecerse o 22 de xullo a orde do bispo de que os tres cregos abandonaran a vila canto antes, a veciñanza inundou a misa das oito, non cabendo todos no templo, e acompañou aos cregos á casa, sendo disolvidos polas forzas de orde.
Fontes
MARTÍNEZ, Xosé Antonio, A Igrexa antifranquista en Galicia. Análise histórica da crise posconciliar, Ediciós do Castro, Sada, 1995, 116 e ss. "Morre Miguel Fernández, un dos grandes curas galeguistas de Galicia e defensor do mundo rural", Galicia Confidencial, 12/01/2022, http://www.galiciaconfidencial.com/noticia/185998-morre-miguel-fernandez-grandes-curas-galeguistas-galicia-defensor-mundo-rural, 07/09/22.