Laboratorio de Formas de Isaac Díaz Pardo: Sargadelos e Ediciós do Castro

Laboratorio de Formas de Isaac Díaz Pardo: Sargadelos e Ediciós do Castro

Resistencias civís organizadasResistencias culturaisPosguerra (39-51)Franquismo (51-75)Transición (75-78)

Isaac Díaz Pardo (1920-2011), intelectual e artista, foi unha figura clave na cultura galega dende mediados do século XX. Fillo de Camilo Díaz Baliño, pintor e cartelista, entrou en contacto, da man de seu pai, coa xeración de políticos galeguistas e republicanos dos anos trinta, colaborando na elaboración de carteis na campaña do plebiscito do Estatuto de Autonomía, en 1936. Tralo asasinato de seu pai polos sublevados, debeu permanecer oculto uns meses por medo das represalias. Logo do conflito e grazas a unha bolsa, formouse como pintor na Escuela de Bellas Artes de San Fernando, permitíndolle novas axudas económicas ampliar os seus estudos en distintas cidades italianas. Non obstante, a mediados dos anos corenta rompeu coa pintura e pasou á cerámica, inaugurando en Sada Cerámicas do Castro, un proxecto que non tardou en triunfar e traspasar fronteiras, chegando a Arxentina. En 1954, viaxou ao país suramericano, inaugurando no Centro Galego de Buenos Aires unha exposición de pinturas e cerámicas. Foi aquí cando entrou en contacto directo cos exiliados, entre os que destacou Luis Seoane, co que fundou, en 1963, o Laboratorio de Formas, núcleo motriz co que se pretendeu reactivar a actividade cultural en Galicia mediante a recuperación de institucións desaparecidas, como a fábrica de Sargadelos, e tamén, a creación doutras novas, como Ediciós do Castro.
A fábrica de louza de Sargadelos, fundada a comezos do século XIX por Antonio Raimundo Ibáñez en Cervo (Lugo) foi, durante boa parte do século, un bo exemplo de iniciativa industrial no norte de Galicia, que, con todo, pechou as súas portas en 1875. Case un século despois, en 1970, Díaz Pardo, recuperou o proxecto para levar á práctica as ideas do Laboratorio de Formas: estudar as formas galegas e aplicalas a obxectos industriais de cerámica, louza e pezas ornamentais, creando pezas de gran calidade e cuxo valor viña dado pola diferenza que manifestaba ao apelar ás raíces galegas. Co paso dos anos a marca Sargadelos, e os seus produtos, consolidáronse tanto no eido industrial coma no artístico como un referente cultural en Galicia.
Ediciós do Castro fundouse no mesmo ano que o Laboratorio de Formas, en 1963, sendo un dos seus primeiros proxectos o de crear unha editorial coa que recoller e difundir a cultura galega e recuperar a memoria histórica anterior a 1936, silenciada polo Franquismo. Deste xeito, e aínda que xa antes da morte do ditador destacou polo seu labor de difusión da actividade do Laboratorio –ou, no campo da literatura, pola difusión das obras de Xosé Neira Vilas– dende a Transición iniciouse o groso da súa actividade nos campos do ensaio, a ciencia, a literatura, a arte e a historia, destacando neste último eido as coleccións de Documentos para a Historia Contemporánea de Galicia ou a Biblioteca do Exilio (esta última en colaboración coa Editorial Renacemento).

Fontes

ISAAC DÍAZ PARDO MEMORIA VIVA, 2022, https://www.isaacdiazpardo.gal, 06/10/2022. VILLARES, Ramón (coord.), Isaac Díaz Pardo: creación e compromiso na Galicia do século XX, Deputación Provincial da Coruña, A Coruña, 2016.

Notas

A pequena placa fotografiada é o único elemento que se localizou que memorializa a figura de Isaac Díaz Pardo en todo o complexo.

Santiago de Sargadelos. Lugar do Rato, Cervo
/ LUGO