Fuxidas dende o Porto da Coruña

Fuxidas dende o Porto da Coruña

FuxidasGuerra Civil (36-39)

O porto da Coruña foi escenario de varios episodios de fuxidas durante os anos 1937 e 1938. A primeira rexistrada foi en febreiro de 1937, cando doce persoas de distintas tendencias, aínda que maioritariamente da CNT, intentaron abandonar a cidade na motora Sisargas, aínda que finalmente non o logran. Terían mellor sorte os tripulantes do Constante Veiga número 4, a comezos de xuño, e logo os dos vapores Rita Esperanza, Lourdes, Fragio I e Fragio II, a comezos de xullo, que lograron chegar ao porto bretón de Brest. En setembro de 1937, o boniteiro Mascota, logrou facer chegar a doce persoas ao porto francés de Saint Gilles de Vendée, desde onde pasaron a zona republicana.
Xa en 1938, no mes de marzo, tres persoas, vinculadas ao SIP da Coruña, introducíronse no bou Isabel Angelita antes de que aquel saíra a faenar. En mar aberto, diríxeno a punta de pistola a Belle-Ille-en-Mer (Morbihan-Bretaña) e despois a Saint Nazaire, onde desembarcaron sete tripulantes e os asaltantes a mediados de marzo de 1938; o grupo desprazouse logo a Barcelona, mentres que o resto da tripulación retornaría á Coruña co barco. Episodio similar reproduciuse en setembro, mais esta vez o asalto do barco, o boniteiro Rafael del Palacio, efectuado por dous homes coa axuda de varios mariñeiros, produciuse por mor dunha recalada na cidade herculina, e tivo como resultado o desembarco no porto de Brest de quince homes, que tamén se dirixiron á capital catalá.

Fontes

PEREIRA, Dionisio, Loita de clases e represión franquista por mar, Edicións Xerais de Galicia, Vigo, 2010, 472-477.

Porto da Coruña, A Coruña
/ A CORUÑA