Formación de Comisión Obreira de Monforte de Lemos
Monforte de Lemos foi unha das primeiras vilas da provincia de Lugo que viviu a organización dunha Comisión Obreira. A comisión naceu vinculada a diversos conflitos que tiveron lugar na Compañía Industrial Chacinera, inaugurada en Monforte en 1943. Un dos primeiros no que tivo implicación foi o de 1969, provocado porque, como resultado do cese temporal de actividade alegando a saturación do mercado e as perdas económicas derivadas, 104 obreiros quedaron sen os seus traballos. O 14 de maio, obreiros da compañía denuncian tal situación no sindicato vertical, sen achar resposta. A Comisión Obreira acudiría ao Gobernador Provincial, “ex divisionario azul” segundo escrito da mesma comisión, pedindo solución para as 104 familias. A fábrica non volvería funcionar ata 1984, baixo a marca Campoverde S.A., pechando definitivamente en 1991. O conflito, con todo, que revelou a incapacidade das estruturas sindicais oficiais para ofrecer unha resposta satisfactoria ao problema xurdido, foi fundamental para a consolidación da organización obreira en Monforte.
Estado
Edificio abandonado. Pendente de demolición.
Fontes
GÓMEZ, José; SANTIDRIÁN, Víctor Manuel, Historia de Comisións Obreiras de Galicia nos seus documentos, Ediciós do Castro, Sada, 1996, 68 e segs. S. A., "Reconsideracións sobor da chacinera de Monforte ante súa reapertura", Terra e Tempo, 1973, 8-9.