Conflitividade na Fábrica Peninsular Maderera S.A. (PEMSA)

Conflitividade na Fábrica Peninsular Maderera S.A. (PEMSA)

Resistencias civís organizadasFranquismo (51-75)

A Fábrica de Peninsular Maderera (PEMSA) sería un dos núcleos de conflitividade obreira de Ferrol. Un exemplo é a folga que deu comezo o 9 de abril de 1970 e na que oitenta traballadores permaneceron en folga durante trinta e tres días en reivindicación do reingreso de dez compañeiros, cinco dos cales eran representantes sindicais, despedidos en represalia polos paros dunha hora organizados tempo atrás. Este conflito fraguouse durante meses por mor das pésimas condicións de traballo e hixiene que os traballadores sufrían na fábrica. Ademais, a empresa introducira novos sistemas de cronometraxe que derivaran na intensificación do ritmo de produción sen que isto se vira reflectido nos salarios dos traballadores. Así, naquel ambiente de tensión, a directiva decidiu que se debían recuperar as festividades de San Xulián e Xoves Santo, ante o que os traballadores responderon con paros parciais en repulsa. O resultado desta primeira oposición foron dez despedimentos, dos cales cinco eran enlaces sindicais. A partir deste momento e como en moitos outros conflitos, a readmisión dos despedidos foi unha das principais reivindicacións, tomando matiz político polo carácter sindical. O 10 de abril os traballadores foron á folga total, mentres a policía armada desaloxaba pola forza a factoría. A partir dese momento, o apoio social aos traballadores da Peninsular Maderera fíxose palpable de diversos xeitos, dende a axuda económica coa caixa de resistencia a numerosas concentracións e manifestacións. O conflito culminou o 15 de maio, cando, coincidindo co xuízo dos despedidos ante a Maxistratura de Traballo, as CCOO convocaron unha mobilización xeral en Ferrol con paros de media hora, que foi seguida nas empresas de xeito maioritario. A intensidade do conflito obrigou á directiva a desprazarse a Ferrol e negociar cos traballadores, chegando o día 16 a un acordo favorable, coa readmisión dos despedidos.
A folga de PEMSA contou con gran apoio popular e de organismos e instancias que dende diversas ópticas comezaban a pular por un cambio de réxime. Un exemplo disto foi a campaña lanzada por Cáritas, de recollida de fondos para os obreiros en paro, que chegou a recadar medio millón de pesetas.

Estado

Hoxe, no lugar no que se localizaba a antiga PEMSA, está o estadio da Malata.

Fontes

MARTÍNEZ, Xosé Antonio, A Igrexa antifranquista en Galicia. Análise histórica da crise posconciliar, Ediciós do Castro, Sada, 1995, 9 e segs. GÓMEZ, José, As CCOO de Galicia e a conflictividade laboral durante o franquismo, Edicións Xerais, Vigo, 1995, 139 e segs.

San Salvador de Serantes, A Malata, Ferrol
/ A CORUÑA