Conflitividade laboral na Central Térmica das Pontes de García Rodríguez
A Central Térmica das Pontes de García Rodríguez, propiedade de ENDESA, foi epicentro de protestas xa dende o seu período de construción, a mediados da década dos setenta. No contexto xeral de conflitividade laboral de finais do Franquismo e do provocado pola situación dos obreiros das empresas auxiliares que traballaban na construción da central, o 12 de xuño de 1975, celébranse unha serie de asembleas de traballadores daquelas, nas que se acorda un programa de reivindicacións á patronal: aumento de salarios, seguridade social e imposto sobre rendimentos polo traballo persoal a cargo da empresa, percepción da integridade do salario en caso de enfermidade ou paro forzoso, cumprimento inmediato das normas en materia de hixiene e vestimenta ou sindicato representativo, único e democrático. O 6 de agosto de 1975, ante a negativa dos empresarios a abrirse á negociación coa plataforma reivindicativa constituída polos traballadores, iníciase un paro laboral, que, considerado ilegal, leva ao despedimento de mil douscentos cincuenta traballadores, dous días despois. Aínda así, o paro continuou, recibindo os obreiros pontenses a solidariedade de traballadores doutras factorías, como por exemplo a ferrolana ASTANO, traducida en axudas económicas ás familias dos traballadores despedidos e aos que continuaron coa folga, uns catro mil. Durante o paro, a finais de agosto, dous enlaces sindicais chegaron a permanecer trinta e seis horas encerrados na cheminea da central, como outra estratexia de presión.
Fontes
"Asambleas en las auxiliares de 'Endesa' de Puentes de García Rodríguez, La Voz de Galicia, 13/06/1975, 15. "Paro total en Puentes, ante la negativa de los empresarios a la negociación conjunta de la Plataforma Reivindicativa", La Voz de Galicia 12/10/2022, 11. "Las empresas auxiliares de Puentes de García Rodríguez alegan paro ilegal y despiden a mil doscientos cincuenta trabajadores", La Voz de Galicia, 10/08/1975, 10."Carta de los representantes de los obreros de 'Astano'", La Voz de Galicia, 24/08/1975, 9."Abandonan su encierro los dos enlaces que permanecían en la chimenea de Puentes", La Voz de Galicia, 28/08/1975, 13.