Clausura e apropiación do Centro Obreiro de Cultura e queimas de libros
Nos lugares nos que triunfou o golpe de Estado ou posteriormente foron caendo baixo o control das forzas sublevadas, comezaron a producirse incautacións e destrución de libros pertencentes a bibliotecas públicas e privadas, considerados perigosos e perniciosos polas súas ideas amorais, subversivas e, en xeral, alleas á Nueva España. Do mesmo xeito, tamén se deu a persecución dos seus posuidores, así coma mestres, bibliotecarios, editores e libreiros.
O Centro Obreiro de Cultura da cidade de Ferrol, que posuía a única biblioteca pública da poboación, foi clausurado e depurado despois do golpe. Os seus libros foron almacenados nun soto até que o concello de Ferrol exercitou os seus dereitos sobre a colección. Os que non sobreviviron á purga poida que foran queimados nalgunha das fogueiras que se rexistraron en prensa no mes de agosto de 1936, en lugares como a Plaza de Armas ou a Plaza de Amboage.
A posesión de libros considerados pornográficos ou de ideas extremistas tamén foi cargo agravante en causas militares, como as que se incoaron contra Ramón Romero Castro (en cuxa casa se atoparon “varios libros de carácter comunista”) e Vicente Díaz Veiga (sorprendido, onde permanecía oculto, con folletos de carácter político e exemplares da revista valenciana “Estudios”, confundidos con pornografía polas súas atrevidas portadas) en Ferrol.
En decembro de 1936, a Junta Técnica del Estado promulgou un decreto que declaraba ilícitas tódalas publicacións socialistas, comunistas, libertarias, pornográficas e disolventes, polos males que causaran ata o de entón na sociedade, difundindo nela unha serie de ideas que levaran ao conflito civil. Esta, coas accións antes descritas e as disposicisións que seguirían, eran boa mostra da censura e represión cultural imposta polo réxime para eliminar calquera tipo de contestación sociopolítica.
Fontes
CORRALES, Francisco Rafael; FERNÁNDEZ, Eliseo, "O Centro Obrero de Cultura y Beneficiencia": unha biblioteca obreira. Ferrol 1911-1936: análise dunha experiencia de cultura obreira en Galicia, o traballo bibliotecario, educativo e divulgativo do Centro Obrero de Cultura y Beneficiencia de Ferrol (1911-1936), Fundación Luis Tilve, Santiago de Compostela, 1999. MARTÍNEZ RUS, Ana, La Persecución del libro. Hogueras, infiernos y buenas lecturas (1936-1951), Ediciones Tres, Xixón, 2014, pp. 23-25, 31. FERNÁNDEZ FERNÁNDEZ, Eliseo, "Golpe militar e represión no norte da provincia da Coruña" en GRANDÍO SEOANE, Emilio, Anos de odio: golpe, represión e Guerra Civil na provincia da Coruña (1936-1939), A Coruña, Deputación da Coruña, 2007.