Casa Cornide
Construída polo enxeñeiro Francisco Llobet entre 1750 e 1760, a cargo da familia Cornide, o Concello da Coruña localizaría aquí a súa sede a comezos do século XIX. Nos inicios do século XX, o pazo foi arrendado a distintas sociedades culturais de orientación católica, destacando o Centro Cultural de Santo Tomás de Aquino, impulsor de actividades teatrais e sesións cinematográficas ata finais da década dos corenta. A comezos de 1949, o edificio estaba baixo a titularidade do Ministerio de Educación Nacional, que proxectaba instalar nel, previa reforma, o Conservatorio de Música. Non obstante, o proxecto acabou esmorecendo e o Concello da Coruña adquiriu o pazo mediante permuta en marzo de 1962, para acabar desfacéndose del en poxa pública días despois, coa condición de que quen o adquirise non puidese revendelo ata pasados dez anos. Foi Pedro Barrié de la Maza –próximo aos Franco, director do Banco Pastor e protagonista da doazón-compra do Pazo de Meirás polo Caudillo– quen adquiriu a propiedade por algo máis de trescentas mil pesetas, rescindíndose a cláusula que imposibilitaba a inmediata revenda dado o desexo daquel de ceder o pazo a Carmen Polo, dona do ditador. A venda a Carmen Polo, por vinte e cinco mil pesetas, efectuouse tres días despois da adquisión de Barrié. A estratexia seguida cumpría co obxectivo de evitar a adxudicación directa de bens de titularidade pública por parte da familia Franco, que estiveron, dende o comezo, detrás de toda a operación. Logo da adquisición por Carmen Polo, o Concello sufragou obras de acondicionamento a comezos dos sesenta e ata mediados do setenta, cun custo total de preto de dous millóns e medio de pesetas. Morto Franco, a partir de 1976 foi a residencia principal de Carmen Polo e dos marqueses de Villaverde en Galicia.
Estado
Actualmente, o inmoble segue nas mans da familia Franco, aínda que o Concello da Coruña manifestou en 2020 a súa vontade de devolvelo a titularidade pública.
Fontes
GRANDÍO, Emilio, Informe Histórico sobre o proceso de permuta e poxa da "Casa Cornide", Instituto José Cornide de Estudos Coruñeses, A Coruña, 2020, https://www.coruna.gal/descarga/1453752838720/Grandio---Informe-Historico-Casa-Cornide-2020.07.21.pdf, 16/11/2022. R.T., "La III Marcha Cívica por la devolución de la casa Cornide exige que el inmueble de A Coruña siga los pasos del pazo de Meirás", La Voz de Galicia, 05/11/2022, https://www.lavozdegalicia.es/noticia/coruna/2022/11/05/iii-marcha-civica-devolucion-casa-cornide-exige-inmueble-coruna-siga-pasos-pazo-meiras/00031667651773002169500.htm, 16/11/2022.