Asociacionismo veciñal no Barrio das Flores

Asociacionismo veciñal no Barrio das Flores

Resistencias civís organizadasFranquismo (51-75)Transición (75-78)

A Asociación do Barrio das Flores foi unha das primeiras organizacións veciñais en poñerse en marcha na Coruña e en acadar a súa plena legalización ante o Goberno Civil. Comezou a súa andaina en 1967, mais os estatutos da Asociación foron presentados para a súa legalización en febreiro de 1976. Os trámites para dita legalización foron impulsados, entre outros, polos párrocos Julián Patiño Ares e Rafael García Ramos, así como polo militante de CCOO Manuel Patiño, quen sería, tamén, o seu primeiro presidente. A Asociación, de estrutura asemblearia e que chegou a ter máis de mil socios, contaba no momento cunha asesoría xurídica a cargo do avogado Xosé Luíz Rodríguez Pardo e unha técnica a cargo do arquitecto Andrés Reboredo.
No seu primeiro ano de existencia legal, a veciñanza protagonizou a través da Asociación unha prolongada loita para a mellora do Barrio das Flores, cuxa construción promovera o Ministerio de Vivenda a través da Obra Sindical. O barrio, aínda que de relativamente recente construción, tiña importantes deficiencias que repercutían na habitabilidade das casas. As administracións local e estatal, sen asumir responsabilidades, propuxeron repercutir os gastos de mantemento e reparacións nos prezos dos pisos. Ante isto, a Asociación promoveu a consigna de “NON PAGAR”, que foi seguida por máis das tres cuartas partes do barrio e coa que, finalmente, se acadou a vitoria no seu obxectivo.

Fontes

GURRIARÁN, Ricardo (coord.), A cultura e o asociacionismo cívico na Coruña. Entre a oficialidade e a resistencia (1939-1979), Fundación 10 de marzo, Santiago de Compostela, 2019, 238 e ss. PLATAFORMA VECINAL BARRIO DE LAS FLORES, 2022, http://www.barriodelasflores.com/, 09/08/2022.

Barrio das Flores, A Coruña
/ A CORUÑA